Hai unha planta que medra nos montes cuxas follas son longas e segmentadas e que non chega a florear, que ten un talo subterráneo, que se dá ben nos lugares húmidos e frescos e que é chamada pteridium aquilinum; polo menos segundo os científicos, claro está, porque para nós é coñecida como fento común. Mais pode ser que tampouco concordedes coa denominación fento, e levades toda a razón se sodes da xente que lle chama fenta. Neste caso, a diferenza de xénero emprégase para distinguir as distintas variedades desta planta, e ambos os dous nomes proceden dun latín tardío filictum, que facía referencia ‘ao lugar onde nacen os fentos’ e que deriva destoutro substantivo filix, -icis ‘fento’.
Onde se dan os fentos? En todo o territorio? Pois si, mais non se lles chama do mesmo modo por todo o país. A forma fento, tanto en masculino como en feminino, é maioritaria nas provincias de Pontevedra e de Ourense e na área centro-sur da de Lugo; porén, no resto de Galicia a planta identifícase mediante outras denominacións. Na provincia da Coruña a forma maioritaria que se coñece é fieito ou fieita. No norte das provincias de Lugo e da Coruña aparece a forma felgo e mais a súa forma feminina, felga, que veñen do latín filicus. Por último, no leste de Lugo atopamos as voces folgueira, fulgueira, folgueiro ou fulgueiro; todas elas proceden dunha forma *filicaria ou *filicariu.
Os fentos son plantas que se empregaban para facer valume, co cal se estraban as cortes para manter os animais secos e confortables, e do que, ademais, se obtiña tamén esterco para fertilizar as leiras. Tamén se usaban na matanza para chamuscar as sedas do porco, e nas zonas de viño empregábanse para que no verán non entrase a luz nas adegas e, deste xeito, preservar o viño da calor. Tomábanse incluso en infusión como purgante e, sobre todo, como vermífugo para combater a tenia e as lombrigas. A súa popularidade no territorio galego compróbase na abundancia na toponimia con formas como Fentosa, Fental, Folgueira, Folgoso, Fieiteira, Fieital…, e na antroponimia con apelidos como Filgueira ou Filgueiras, Fente, Folgoso, Folgueiras… A súa aparición adoita coincidir coa distribución dialectal dos substantivos dos que proceden.
Nas linguas romances atopamos denominacións que gardan semellanza coas nosas. Así, no asturiano temos felechu ou folguera; en catalán, falguera ou folguera; en francés, fougère; en italiano, felce, e no portugués, feto, inda que na raia aparecen formas coma figueito, fento ou fieito.
“Os fentos son fósiles viventes. Conviviron cos dinosauros, hai máis de 200 millóns de anos. Pero xa estaban sobre a Terra moito antes ca eles.” (Eduardo Rolland: GCiencia. O portal da ciencia galega, 10-2014)
“Lixeiro a pesar da gordura, o Xácome subiu o valado e entrou na finca. A Xulia viuno avanzar resolto por entre uns fieitos que lle tapaban as pernas por derriba das coxas.” (Carlos G. Reigosa: Tras da corda, 2012)
“Durante horas a muller camiñou por carreiros del monte que seguramente ninguén de por alí coñecía, sendeiros que nos máis dos casos xa estaban ocultos polas silveiras e as folgueiras.” (Francisco Xabier Frías Conde: A odisea de Pere Xil, 2002)