As aves domesticadas máis difundidas no planeta son as galiñas. Orixinarias da China e do val do Indo, no 2200 a.C. asentáronse en Mesopotamia, logo chegaron a Creta e a Exipto, de aí a Grecia e ao resto da cunca mediterránea. O seu éxito sostense en que é unha fonte de alimento (produce carne e ovos), mais tamén protagonizaba ritos relixiosos e espectáculos públicos (loita de galos). Definidas no Dicionario como “ave doméstica da familia dos fasiánidos, femia do galo, con crista pequena e vermella e peteiro curto, que se cría para aproveitar os seus ovos e a súa carne para a alimentación”. Esta especie aviaria recibe o nome científico de Gallus domesticus, que en galego se coñece comunmente co nome de galo “macho da galiña, de plumaxe abundante de diversas cores, cabeza cunha crista carnosa vermella e cola longa”. Cando é novo chámase polo.
Mapa da distribución territorial das voces: galiña – pita
Datos do ALGa proxecto do ILG – USC
Mais, no caso da femia, empregamos unha serie de denominacións diferentes. Esta ave, cando é adulta, adoita denominarse galiña, nome que ten a súa orixe na voz latina gallīna. É a forma maioritaria ao longo do territorio galego. Calquera falante de galego identifica o animal do que se fala. Mais semella que é unha forma empregada maioritariamente nas provincias atlánticas, A Coruña e Pontevedra, e gran parte da de Lugo, nos concellos cantábricos e nos limítrofes coa provincia da Coruña. En cambio a denominación pita, sinónimo de galiña, unha creación onomatopeica, rexístrase, para se referir ao animal adulto, nos concellos do interior de Lugo e practicamente na totalidade da provincia de Ourense, debuxando unha diagonal que vai desde A Pontenova a Ramirás. Para chamar polas galiñas ou para xuntalas utilízase frecuentemente a interxección: churras, churras!, que se lexicalizou como substantivo feminino e pasou a ser a voz de uso común para designar as galiñas nalgunhas zonas. O nome churra ten unha extensión xeográfica menor, e rexistrouse en puntos do interior das provincias da Coruña e Pontevedra como Campo Lameiro, A Estrada, Touro, Melide ou Curtis.
Cando se trata dun espécime novo o termo empregado é pola, voz maioritaria que convive con pita, alí onde non designa o animal adulto. As crías das galiñas acabadas de nacer denomínanse mediante dúas voces polo e pito, estas voces son aplicadas, por extensión, a calquera outra cría de ave. O espazo para gardar estes animais fórmase tomando como base algunhas das denominacións mencionadas. Así temos o galiñeiro e o poleiro, mais rexistramos os vocábulos capoeiro ou capoeira, “lugar onde se gardan e se crían aves de curral, como o galo e a galiña”, formada sobre capón, “galo castrado e cebado”. Trátase dunha especialización do lugar para concentrar estes animais, limitarlles os movementos e sometelos a unha alimentación abondosa para acelerar o engorde destes.
Ao ser un animal habitual nas casas de labranza convértese no protagonista de abondosa fraseoloxía empregada decotío como deitarse coas / canda as galiñas para indicar que alguén vai moi cedo para a cama; carne de galiña expresión aplicada á “alteración da pel producida por una sensación de frío ou arrepío”, onde se fai un símil coa pel da galiña cando se depena; porco coma o pau dun galiñeiro para referirse a algo ou alguén que está moi sucio. De alguén que come pouca cantidade dise que come coma un pito / pitiño; e, se está moi mollado porque o sorprendeu a choiva, dise que está coma un pito. Por outra banda, dunha persoa que non é moi valente dise que é unha galiña; cando é coidadosa de máis ou preocupada en exceso dicimos dela que anda coma a galiña cos ovos e, se os nosos propósitos, non acadaron o éxito, dicimos saíu a galiña choca (aquela que non pon ovos porque os está incubando).
Por certo, achégase o Nadal, ide pensando en soltar a galiña que os mundos vanvos moi caros!