Vai moita calor!!! Nestas circunstancias cómpre beber para non nos deshidratar. É unha recomendación médica. O máis saudable, a auga. Quen non parou nunha fonte para beber directamente do picho? Sempre sae fresquiña e é ben sabedora.
Este verán coincide cun acontecemento deportivo singular: a Copa do Mundo de fútbol, que se celebra en América do Norte, concretamente en Canadá, Estados Unidos e México. O torneo comezou en xuño e rematará a mediados de xullo, cadrando nun período do ano no que as temperaturas adoitan ser moi elevadas. Ademais, o maior número de seleccións participantes obriga a establecer un calendario de competición moi extenso, polo que un número considerable de partidos se disputan en horarios nos que a práctica deportiva resulta pouco saudable debido á calor.
Por esta razón, acordouse establecer interrupcións curtas durante os encontros para que os xogadores poidan hidratarse e recuperarse das altas temperaturas. Trátase dunha medida pouco habitual nas competicións futbolísticas e que recibe, no tecnolecto inglés da FIFA, os nomes de cooling break ou cooling time, expresións que designan breves descansos destinados a facilitar a hidratación dos futbolistas. Estas expresións terminolóxicas alleas a nós poden trasladarse á nosa lingua como pausa ou tempo de hidratación ou de arrefriamento. Nalgúns medios de comunicación vinculados ao deporte en galego comézase a empregar a locución pausa para o grolo. Esta, polo de agora, non está o suficientemente consolidada na linguaxe deportiva galega para validala.

Imos falar, en cambio, dunha voz de noso como é grolo definida no DRAG como a “porción pequena dun líquido ou bebida que se bebe dunha vez”. Este vocábulo é coñecido por gran parte dos e das falantes, aínda que é de uso frecuente nas provincias de Pontevedra e Ourense. Por outra banda este termo ten a variante, groucho, exclusiva esta do sur de Ourense; en cambio se nos imos á outra punta do territorio, no norte da provincia de Lugo e da Coruña, descubrimos que usan a palabra papado que se forma sobre a voz papa ‘calquera cousa de consistencia case líquida’, cuxa orixe está no latín pappam ‘comida’. Outras voces que podemos usar para beber un pouco dun líquido son chopo ou chope que proceden probablemente do alemán schoppe ‘vaso de cervexa’, localizado o seu uso, sobre todo, na zona costeira da provincia da Coruña. No sur da provincia de Pontevedra fan uso da denominación fecha para se referir só á “pequena cantidade de líquido” e que nada ten que ver coa indicación do día e o mes dado que procede do vocábulo latino fistulam ‘cano’.
Segundo os datos que atopamos no Atlas Lingüístico Galego, volume 5, os termos maioritarios e que conviven en todo o noso territorio son trago e sorbo. O primeiro é unha voz procedente do verbo tragar que os estudosos din que ten unha orixe incerta, da que Corominas indica que se pode relacionar co latín draco, -onis ‘monstro devorador’. No caso da voz sorbo trátase dun substantivo deverbal formado a partir do verbo sorber que remite ao latín sorbere onde significaba ‘sorber’ ou ‘absorber’.






















