Voces de aquí e acolá: hórreo, cabaz e piorno

Hórreo de Carnota

Parécenos que levan toda vida entre nós. Da súa construción hai noticia desde ben antigo, dos granaria sublimia ou pensilis horrei da Península xa escribiron Marco Terencio Varrón no século I a.C. e o agrónomo Columela, daquela o cereal que conservaban era o trigo. Porén a gran proliferación destes debémoslla ao millo, ese americano que resultou unha revolución para o agro galego; mais cunha pequena tacha: o clima galego non permite a maduración do cereal na leira o que leva consigo que se recolla, inda algo verde, e que remate de madurecer nunha construción propicia, o hórreo, por estar elevada do chan e ventilada abondo. Este é o termo máis coñecido alén das nosas fronteiras, non en balde en Asturias hainos coa planta cadrada, pero non é a única denominación xa que tamén se emprega cabaz, canastro ou piorno.

Inicialmente deberon ser construídos coma se fosen cestos, de feito esa aparencia teñen os canastros (do latín canistrum, i ‘cesto de vimios’), propios das provincias de Ourense e Pontevedra, sendo o termo máis estendido; logo, para que durasen máis, pasáronse a construír en pedra e son coñecidos como cabaz, cabeceiro ou cabás, vocábulo usado tamén pola zona de Bergantiños, inda que non exclusivamente. Todos remitían ao tipo de construción con corres, que recordaría ao cesto alto e crese que procede da forma latina *capaceum que, a súa vez, bebía das clásicas capacere ‘caber’ e do derivado capax ‘que ten cabida’.

A palabra hórreo chega desde o latín clásico horreum que, á súa vez, vén do grego oreion  que significaba ‘edificio para gardar calquera produto da terra’, unha especie de celeiro que tanto valía para gardar viño, provisións ou cereais. Sen ser maioritaria é quizais máis coñecida, por ser compartida, xa que en Asturias é coñecido como orru e nos Pireneos cataláns orri. Inda que Elixio Rivas Quintas propón unha posible orixe prerromana da edificación sobre piares atestada na toponimia e na hidronimia. Localizamos o uso do termo no centro norte das provincias da Coruña ou Lugo.

Piorno é a palabra coa que se coñece ao hórreo na zona do Salnés e tamén é a denominación dunha planta leguminosa de flores amarelas, semellante á xesta, que se cre que pode proceder do latín viburnum, -i ‘vimbio’ que pasaría *viorno e por influencia doutro termo acabaría no termo que hoxe coñecemos. Como nos casos anteriores, primeiro sería a construción, semellante a un cesto, onde se enlazarían as corres obtidas desta planta e logo pasaría a denominar  todo.

Citas:

“Estaba xogando preto do hórreo, e albisquei dous ollos coma morcegos ou coma un moucho triste perdido na escuridade.” (Beatriz Dacosta Molanes: Casca de noz)

“Converténdose o hórreo, cabana, canizo, depósito, hurrio, maínzo, quenzo, sequeiro, cabaceiro, paneira, cabás, cabazo, celeiro, canastro espigueiro, piorno, e bergueiro, nomes que recibe esta construción, destinada a secar e gardar as mazarocas de millo e impedir que a lentura chegue a elas e ademais libralas dos roedores.” (Xosé Lois Ripalda: A cultura do pan)

“Unha casiña vella de valados de pedras de mil formas e maneiras, un alpendre, un palleiro, o piorno.” (Fermín Vilaboa Lemos: Mar e seitura)

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir