Voces de aquí e acolá: nabo, nabiza e grelo

Foto dos grelos: Moez Wikimedia Commons.

Éche tempo de inverno. Unha auguiña quente de caldo para temperar os corpos. Mais o caldo, de que? De repolo ou nabizas. Alá polo mes de novembro as leiras énchense de nabizas que é a “folla tenra do nabo”, aquela primeira que se adoita consumir cocida por ser a máis tenra. A designación é transparente dado que é un termo derivado de nabo que vén da designación da planta en latín napus; ao que se lle engade o sufixo –iza. Esta forma coincide co castelán e o portugués nabiça. En galego existe tamén unha variante desta denominación, rabiza.

Todo comeza coa plantación dos nabos, tamén coñecido entre os científicos como Brassica napus L., planta común en Europa, da familia das crucíferas que se dá ben nos climas frescos e debe quedar abrigada das xeadas. Na Idade Media foi a fonte principal de hortalizas para os campesiños. Ata a posterior incorporación da pataca no século XVIII atopábase tamén nas hortas dos mosteiros. En Galicia está constatado o seu cultivo en documentos forais do XIII. O terreo onde están plantados os nabos chámase nabal ou nabeira, nomes formados sobre nabo ao que se engadiu a partícula derivativa –al ou –eira que dan a idea de colectivo ‘lugar onde abunda’ como sucede en silveiral, pallal ou palleira.

Logo das nabizas, nunha segunda fase do desenvolvemento da planta, aparecen os grelos que veñen sendo o “gromo desenvolvido do nabo, do que saen as flores”. De feito, apáñanse xusto antes de que floreza a planta. Se nun primeiro momento as nabizas son follas amplas e moi tenras, agora cocíñanse os talos e as follas porque estas son máis pequeneiras e dun sabor acedo, que se comercializan en fresco, conxelados ou en conserva. Esta denominación de orixe escura, debido á fama dos grelos galegos, estendeuse fóra das nosas fronteiras. De par, aparece como sinónimo cimo ou cimón que se cre que pode chegar do termo latino cyma que ten como acepción ‘gromo novo do repolo’. O seu emprego está circunscrito á área mindoniense, concretamente, as falas do nordeste da Coruña e norte de Lugo.

Citas:

“A estancia ulía a suor vello, a caldo de nabizas. Un gato gordo e branco fitoume con insolencia dende a lareira sen lume.” (Beatriz Lorenzo López: Obras breves de imaxinación / Bonecas)

“E aquí, cando toda España pasaba fame, comiamos bo xamón, bos chourizos, boas patacas, ovos, grelos; e nunca faltaba o leite.”(Camilo Gonsar: Desfeita)

“A vella en persoa supervisou a operación de desalgar os toros de lacón, escollendo os máis ternos cimóns para ferver.” (Antonio Rodríguez Baixeras: O rei dos ameneiros)

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir