
Detrás do nome científico salamandra salamandra temos un dos anfibios con máis denominacións en lingua galega. Para os do común, chámase becha ou bicha, pinchorra, sacabeira, sacarrancha, salamanca ou salamántiga e tamén sapagueira, e defínese como “anfibio da familia dos salamándridos coa pel lisa e brillante, de cor negra con manchas amarelas”. Sexa cal sexa o xeito de chamarlle, sempre é un animal envolto na superstición, xa que se chegou a considerar que era perigoso e moi velenoso.
A mala sona que o acompaña parece que ten que ver co seu aspecto, determinado pola cor negra (vencellada ao lúgubre) e as pintas amarelas brillantes; mais tamén co líquido que segregan cando se asustan. É certo que o fluído en cuestión é algo noxento e que nos pode producir un goxo “erupción cutánea”, pero se un se lava, xa nin se sente. Outra cousa é o seu efecto sobre os animais máis pequenos, para os que si pode ser letal. Isto contribuíu á crenza do aire, que se podería definir como a ‘envoltura máxica que posúen determinados anfibios’. Cientificamente todo é máis prosaico e o aire non é máis cá devandita película de pingas que a nosa amiga proxecta cando se sente en perigo.
Ademais de merecerlle mala prensa, o seu aspecto ten tamén moito que ver con algúns dos nomes vulgares que recibe. É o caso de píntega ou pinchorra, que toman como base de formación o substantivo pinta “mancha de distinta cor á da superficie na que se encontra”; ou pincha, que é tamén unha sorte de manchas. O uso desta denominación concéntrase na área central de Galicia, no encontro das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra.
No caso de pezoña ou pesoia a nomenclatura está motivada pola substancia que segrega o animal e sitúase o seu uso no galego occidental. No outro extremo, en Ourense e sur de Lugo, achamos os termos salamántiga e salamanca, que remiten con claridade ao étimo latino salamandra. E as formas sapagueira e sacabeira? Son propias da provincia de Lugo cara ao norte e remiten a formas moi antigas das linguas anteriores á romana.
Citas:
“Eses segundos parecen horas cando non hai televisión, cando o tornar das vacas fai que profundes na natureza seguindo unha bolboreta, vendo moverse a herba, ou descubrindo unha píntega á beira dun regato.” (Romina Bal, Galicia Hoxe, 7-11-2010)
“Debaixo dos balaústres nos que me debruzaba había unha fonte tapada cunha casopiña de pedra, un fío de auga rebordaba do manancial e na terra escurecida pola lentura destacábase unha salamántiga colorida.” (Bieito Iglesias: Contos da terra da tarde / Noticia dos árcades mortos ou por que non escribín certo libro meu, 2011)
“Que mellor nome que león para o león; araña para a araña; píntega para a sacabeira e xato para o pucho? E xa non digo nada a de escornabois para a vacaloura.” (Xabier Paz, As vidas de Nito, 2013)