Voces de aquí e acolá: saltos de auga

No país dos mil ríos non faltan as fervenzas, e tampouco os xeitos de lles chamar! O Dicionario define este fenómeno da natureza como un “desnivel brusco ou pronunciado no leito dun río onde se precipita a auga” e as voces de aquí e acolá agasállannos cunha morea de sinónimos: abanqueiro, cadoiro, freixa, ruxida ou ruxidoira son algúns deles. Percorremos o país de salto de auga en salto de auga?

Comezamos por fervenza. Ademais de referirse á propia caída da auga do xeito comentado, a primeira acepción do Dicionario dinos que esta palabra serve para designar “a gran cantidade de burbullas que se forman ao precipitarse a auga dun río ou torrente por un desnivel brusco do terreo”. A escolla da forma está motivada pola imaxe que se percibe ante este espectáculo visual que recorda o burbullar dun líquido cando ferve. Trátase dun substantivo formado a partir do verbo ferver, que procedo do lat. fervere ‘ferver, burbullar’. Este termo atopámolo rexistrado na costa da provincia da Coruña, dende Ortigueira, a Camariñas, Outes e Noia, pasando por Mazaricos, e puntos do interior como Ourol (Lugo) e A Estrada (Pontevedra). Na zona de Bergantiños batemos coa variante gráfica férveda, que acabou dando nome no concello de Carballo a dous lugares, un na parroquia de Entrecruces e outro na de Rus, onde podemos atopamos cadanseu salto de auga. O Nomenclátor rexistra ademais outro topónimo semellante en Silleda, na parroquia de Escuadro.

Cachón e cachoeira son sinónimos que remiten a imaxes análogas. De ambos os termos non se coñece con certeza o étimo e amosan unha distribución territorial diferente: empréganse na Galicia interior, sobre todo na provincia de Ourense, a primeira no norte e a segunda no sur.

De volta nas provincias atlánticas, atopamos outras formas de lles chamar aos chimpos dos ríos como abanqueiro, crese que pode remitir a unha raíz paleoeuropea que significaba ‘auga’ ou ‘río’; cadoiro, que remite en última instancia ao verbo latino cadere ‘caer’, onde é nítida a imaxe da auga precipitándose; ou freixa, que podería remitir, segundo Joan Corominas, a unha raíz celta *fruestia de significado semellante. O propio lingüista, iso si, xoga tamén coa hipótese que relaciona esta freixa co lombardo fruda ‘regato saltador’ ou co bretón frot, que bebe de sruta. Nas áreas da Galicia central a fervenza convértese en ruxida ou ruxidoira. As dúas formas gardan relación coa sensación sonora que produce a auga ao caer, un ruxido que moito nos presta! No leste, en Suarna e Burón, atopamos un termo de orixe incerta que é seimeira.

Unha última nota: cando o salto é desde moita altura chamámoslle catarata “caída da auga dun río desde unha grande altura, orixinada por un desnivel moi brusco de terreo”. Etimoloxicamente o termo remóntase ao latín cataracta ‘gran volume de auga que se precipita do alto’ que, parece ser, bebe dun equivalente grego kataráktes ‘o que se tira cara a abaixo’. Neste caso non podemos ofrecer exemplos galegos, así que ollamos cara ás cataratas do Niágara, entre Canadá e os Estados Unidos, as de Iguazú, entre Arxentina e o Brasil, ou as cataratas Vitoria, en Zimbabwe que están a ser noticia pola alarmante diminución do seu caudal. Agardamos que recuperen axiña todo o esplendor que lles deu o seu nome orixinal, Mosi-oa-tunya, “Fume que trona”. Un fermoso hidrónimo que xunta as sensacións visuais e sonoras que evocan as nosas fervenzas, férvedas, cachoeiras, ruxidas e ruxidoiras!

Citas:

“O salto de auga do río Mao, preto de Castro Caldelas, e o salto do Loña, a cinco quilómetros da capital, subministraban a enerxía necesaria para o alumeado eléctrico, que a cidade luciu por primeira vez o 14 de xuño de 1895.” (Marcos Valcárcel: Historia de Ourense, 2008)

“Facendo desaparecer unha fervenza que era un caso único en Europa de río cuxa foz constituía un abanqueiro sobre o mesmo mar.” (Vitor Vaqueiro: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, 2011)

“Abríase unha pequena ría á súa esquerda , como a un quilómetro da ponte , un entrar da auga na liña da ribeira , aproveitando a freixa que a cachón caía monte abaixo.” (Francisco X. Fernández Naval: Sombras no labirinto, 1997)

“Varias ruxidoiras desembocaban nun lago artificial, onde nadaban belezas lanzais de peitos espidos e longas cabeleiras de serea.” (Lois Fernández Marcos: Galaxia lonxana / Fungos, 1995)

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir