Voces de aquí e acolá: teixugo, porco teixo e melandro

Hai unha serie de mamíferos silvestres que viven preto da casa labrega. Ás veces, a convivencia con eles resulta difícil, e se non que llelo pregunten ás pitas cando vén o raposo roldando o galiñeiro. Pero aínda que poidan resultar pouco amigables, forman parte dos nosos ecosistemas e son quen de manter o medio en equilibrio, librándonos dalgunhas pragas, por máis que nos ocasionen tamén algún estrago nas colleitas. Un deses bechos malos é o teixugo. Na actualidade, co afastamento que temos do rural, converteuse nun gran descoñecido, quizais tamén porque ten costumes esquivos e nocturnos. O noso protagonista vive, de feito, en tobos profundos, pero tamén se deixa ver de cando en vez. E cando o fai non é difícil distinguir este mustélido doutros colegas do reino animal grazas ao seu pelo longo e espeso e as súas cores: agrisado no lombo, negro nas patas e no ventre, e abrancazado con dúas listas negras que van desde o fociño ata detrás das orellas.

Cientificamente é recoñecido pola designación binominal meles meles que se fundamenta en como o chamaban os romanos. É un animal omnívoro: préstanlle os invertebrados e réptiles pequenos, as froitas, e mais as plantas e os cereais coma o millo. As xentes do común chamámoslle doutros xeitos. Polo leste da provincia de Lugo, na Fonsagrada, dinlle melandro, un vocábulo que remite ao latín hispánico melone, que deriva en calquera caso do clásico meles ‘teixugo’. Esta designación é compartida polo asturiano e parece ser das máis antigas.

Na Galicia interior, en concellos da Coruña e Lugo como Guntín, Monterroso, Guitiriz, Xermade, Curtis e Melide, e tamén no norte de Pontevedra, en municipios coma A Estrada, Silleda e Vila de Cruces, chámaselle porco teixo. Esta denominación convive con teixo e teixugo, formas que se utilizan en Lugo e no sur de Ourense. Ao ser unha especie animal común a todo o territorio europeo algunhas designacións foráneas son semellantes ás nosas. En portugués dinlle texugo, en castelán tejón, en catalán teixó e en italiano tasso, todas elas palabras relacionadas, igual que as formas galegas, co latín  taxone ‘teixo’.

Malia ser un animal silandeiro e difícil de albiscar, o porco teixo foi quen de deixar pegada na fraseoloxía galega. Como hiberna, pasa o verán comendo –é moi voraz– e así acada reservas para cando veña o frío. Iso explicaría os estragos que provoca nas leiras de millo e que faga das castañas o seu manxar. Os poucos que o ven falan da súa gordura e isto xustificaría a frase ser bolecho coma un porco teixo. Estoutras fan referencia ao aspecto rexo e forte que ten: duro coma un teixugo ou feo coma os teixugos. Disque semella un touro en miniatura, o que explicaría o nome tourón, co que tamén é coñecido este animal..

Outras paremias que teñen como protagonista este animal son coller o porco teixo polo rabo, que significa ‘equivocarse’; e poñerse / pórse teixo, que se empregaría para indicar que unha persoa se ‘enfronta a alguén’. Estoutras fan referencia ao seu carácter pero aplicado ás persoas: terco coma un teixugo; ou ser coma un teixo, que se empregan para indicar que unha persoa é pouco sociable.

E rematamos cunha curiosidade que non lles había gustar moito aos porco teixos: segundo a crenza popular, o unto derretido do teixugo serve para curar a reuma e a dor de oídos!

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir