Voces de aquí e acolá: vieiro, verea, sendeiro e carreiro

Florencio Delgado Gurriarán desde o Padroado da Cultura Galega de México foi un dos artífices da aparición da revista Vieiros en 1959. Esta tentaba dar a coñecer o mellor da cultura galega da emigración, mais tamén da que agromaba con cautela en Galicia. Funcionou coma a ponte entre a xeración da guerra castigada co exilio e as persoas da resistencia interior que comezaban a rexurdir. Da publicación só viron a luz catro números, e a  súa vocación era recoller “calquera idea literaria artística, filosófica, sempre que fose antifascista e non apoiase a ditadura”. Por iso, nas súas páxinas, atopamos personalidades salientables da Galicia de aquí e de acolá, que amosaban a realidade do país desde os eidos cultural, político, económico e social.

A cabeceira desta publicación foi titulada Vieiros, algo que non é casual e que se pode interpretar coma unha metáfora cargada de intención, a comunicación entre uns e outros ten que conducirse por unha vía estreita e, ás veces, case oculta, como as congostras, mais a forza de moitas plumas teimudas, aquí e acola, foi abrindo camiño para recuperar unha terra libre, moderna e galega.

Vieiro, segundo indica o Dicionario, é “un camiño estreito formado a forza de pasaren por el a pé persoas e animais”. Palabra derivada mediante o sufixo –eiro, que se aplica á voz vía “espazo por onde se transita”. Esta voz procede do latín vía, co significado de ‘camiño’ ou ‘estrada’ e, en sentido abstracto, de ‘viaxe’. A denominación deste tipo de camiño estreito recóllese xa no Coloquio de 24 gallegos rústicos do Padre Sarmiento en 1746. O padre bieito criouse en Pontevedra, coñecía e falaba a nosa lingua, daquela non é de estrañar que empregue léxico propio do lugar. O Atlas Lingüístico Galego non ten no seu cuestionario unha pregunta concreta sobre este termo para dar unha localización dialectal concreta, mais no Tesouro do Léxico Patrimonial Galego atopamos un punto na Ría de Pontevedra onde se emprega con este significado.

A verea é, tamén, un “camiño estreito que se vai facendo a por de transitaren por el a pé persoas ou animais”. A súa procedencia atopámola no latín tardío veredam que tiña un significado semellante. Este termo está relacionado co latín clásico veredus ‘cabalo de viaxe’, voz que mediante metonimia pasou de designar o équido a indicar tamén o lugar por onde este pasaba para facer a viaxe. Este substantivo atopámolo nas falas, sobre todo, do sur da provincia de Ourense segundo podemos deducir dos datos do Tesouro do Léxico Patrimonial.

Outro tipo de camiño estreito que as persoas ou animais van debuxando a forza de transitar por el a pé é o sendeiro. Unha vez máis estamos diante dun vocábulo formado por derivación mediante o sufixo -eiro que se aplica á palabra senda. Este vocábulo chega do latín semita, unha amálgama de semi ‘medio’ e iter ‘camiño’ que deu un ‘medio camiño’, ou sexa, un ‘camiño estreito’. Segundo Ramón Lorenzo o termo galego podémolo atopar na prosa da Crónica Geral de 1344 en “et dizen a aquelle logar a seeda do emperador”, e na actualidade o Tesouro rexístrao en puntos ciscados no sur das provincias de Pontevedra e Ourense.

O vocábulo común a todo o territorio lingüístico é carreiro, fórmase sobre o substantivo carro que nos leva ao latín carrum onde significaba ‘carro’, ‘galera’ e ‘carreta’. Os camiños creados a forza de pisar e pasar por el a pé son, en realidade, máis estreitos que o carro tradicional; porén nalgunhas falas botan man dunha variante en feminino co valor ‘de maior dimensión’, carreira, que sinala o camiño máis longo e ancho para que pase un carro. Unha variedade dentro destas vías estreitas moi específica é a congostra unha sorte de carreiro profundo que discorre entre valos ou elevacións do terreo, que o atopamos, sobre todo, na provincia de Pontevedra. Son sinónimos deste termo corgo e corga. E no sur oriental de Ourense este concepto denomínase canella.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir