Voces de aquí e acolá: xílgaro, pintasilgo e picacardos

Imaxe dun xílgaro europeo en Nomes galegos das aves de Galicia. Fotografía de Pepis Peiró

Agora que xa se lles nota aos días que están medrados e medio inverno vai fóra, volvemos ver os paxaros voar de novo. O refrán advirte que a partir da candeloria, ningunha ave voa soa e así lembramos que o día dous de febreiro, día da candeloria, se festexa o casamento dos paxariños, segundo a cultura popular. Os cortexos dos paxaros nativos e o retorno das aves migratorias preludian o renacer primaveral. No noso territorio hai unha serie de aves que pertencen á familia frinxílida que todos e todas recoñecemos; trátase de paxaros de plumaxe de cores rechamantes con peteiros curvos e grosos, que se alimentan sobre todo de sementes. Entre estes frinxílidos atópase o xílgaro, elixido por votación popular Ave do ano 2026 nun proceso que leva a cabo a organización ecoloxista SEO BirdLife desde 1988. O DRAG defíneo como “paxaro da familia dos frinxílidos, de cor parda no lombo, co rabo e a cabeza brancos e negros, as ás tamén brancas e negras cunha franxa amarela e a cara vermella”, o seu nome científico é carduelis carduelis. Mais na lingua común, case todos e todas chamámolo xílgaro, nome de orixe dubidosa e discutida, que algúns poñen en relación co latín sily̆bum (tomado do grego sílybon ‘especie de cardo comestible’), e outros vinculan a sirgo (do latín serĭcum (“seda”, “pano de seda). Ademais, segundo o DRAG, posúe os seguintes sinónimos pintasilgo, picacardos e barroso.

A designación xílgaro, quizais a máis recoñecida entre os e as falantes de galego, con numerosas variantes con características fonéticas propias da Galicia occidental (silgaro, xírgaro, xilgueiro…) é a denominación maioritaria nas provincias da Coruña e Pontevedra. En cambio, a designación pintasilgo atópase no sur das provincias de Pontevedra e Ourense, territorios limítrofes con Portugal, onde o paxaro canoro é recoñecido tamén como pintassilgo. Por outra banda, a forma picacardos rexístrase no sur oriental de Lugo e en puntos do oriente ourensán. O nome barroso é propio da área de Ribeira de Piquín e alude ao lugar onde busca a comida, o barro dos ribazos. Habita en todo o continente europeo, agás no centro e norte de Escandinavia, e estes son os equivalentes nas linguas próximas: en francés chardonneret élégant; en italiano cardellino; en catalán cadernera; en éuscaro, kardantxiloa; en sardo, cardoglinu, en corso, cardalina; todas estas denominacións xorden do feito de ser unha especie granívora, especializada en extraer sementes dos cardos; por iso, o nome desta planta convértese en elemento de formación dos denominadores europeos, coincidindo co noso picacardos.

Os xílgaros cantan ben, son aves canoras; feito que xogou na súa contra, en ocasións, xa que houbo persoas que pensaron que podían engaiolalos para teren un recital privado. Sen embargo, como era de agardar, adoitaban morrer nos primeiros días de cativerio. As referencias a esta habilidade vémolas nalgunhas coplas populares como as que seguen:

    • Cala, sílgaro, non cantes,/ que co teu canto me apenas,/ teño un amor en presidio/ atado con seis cadeas.
    • Canta, silgariño, canta,/ e non pares de cantare:/ quero que as penas alivies/ desta triste soedade.
    • Canta tu, gorxa de sílgaro,/ que a do merlo xa cantou;/ o cantar é alegría,/ eu sempre a cantar estou.
    • Vouche dar a despedida / como dá o pintasilgo / que se despide a cantar / non leva pena consigo.
    • Eu fun canario do rei/ e fuxinlle da gaiola/ i agora son pintasilvo/ dos freixos de Vilanova.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir