Voces de aquí e acolá: xoaniña, catasol, reirrei

Distribución da voz xoaniña segundo o TLPGP

A xoaniña é un insecto que todos e todas recoñecemos con facilidade, tanto aquelas persoas que se desenvolvan no rural, coma se viven nun núcleo urbano. As opcións denominativas son moi grandes, tanto na lingua galega coma noutras linguas próximas. O DRAG define este animaliño como un “insecto da familia dos coccinélidos, do que a especie máis común é a Coccinella septempunctata, que se caracteriza pola súa forma arredondada, con élitros de cores vivas, xeralmente vermellos e con sete puntos negros”. O seu nome científico coccinella setempunctata é ben descritivo, xa que se trata dun termo do latín científico onde coccinella fai referencia á cor escarlata característica das ás do animaliño e setempunctata indícanos o número de puntos que posúe este insecto, tres en cada á e un no medio. Mais alén da súa nomenclatura científica os e as galegas coñecémolo mediante un ou máis nomes comúns, que se distribúen ao longo do territorio galego.

Quizais xoaniña sexa a forma maioritaria no territorio galego. É a denominación predominante nas áreas occidentais e centrais de Galicia, como pode observarse no mapa extraído do Tesouro da Lingua Patrimonial Galega e Portuguesa (TLPGP). Esta é tamén a voz que tivo maior difusión nos medios de comunicación e maior presenza nos libros de texto empregados na docencia da lingua, o que sen dúbida contribuíu á popularización do termo.

Ao lado deste nome existe un lote de xeosinónimos ao longo do país. Mencionaremos neste Allos con bugallos algún deles, pero non vos incomodedes se non atopades a forma que vós empregades.

Se no occidente e no centro galego voa a xoaniña, cómpre dicir que noutras zonas do territorio, en concreto, cara ao norte das provincias da Coruña e Lugo emprégase a palabra reirrei, con outras variantes da mesma familia: ren-ren, arrenrén, reíño reis. En cambio, no oriente das de Lugo e Ourense o nome máis coñecido é papasol. De menos extensión xeográfica, son as voces voaniña e voíña que se localizan no interior norte da provincia de Pontevedra; e no sur desta provincia coñecen o insecto pola designación maruxa e maruxiña. En troques, no sur da provincia de Ourense chámanlle barrosiña.

A xoaniña é un insecto que adoita vivir en zonas cálidas, por isto é que se asocia co bo tempo. Tamén é moi apreciada entre os e as agricultoras porque combaten pragas, xa que se alimenta de vermes parasitos que danan os cultivos. Algunha destas circunstancias xustificarían denominacións formadas co sufixo diminutivo apreciativo: xoaniña, voaniña, maruxiña, barrosiña e mesmo costureiriña. Algúns nomes son produto da tradición relixiosa cristiá propia da sociedade galega, tal é o caso de nomes como xoaniña de Deus ou de Santa Teresa, bichiño de Deus, carrabuxiño de Deus ou coco de Deus. Os nomes papasol ou catasol, formados de xeito semellante a outras formas europeas, toman a voz sol como base de formación porque anunciaban o bo tempo, quizais, ou tal vez, sexa un recordo dos cultos precristiáns onde se lle rendía tributo ao sol.

A popularidade deste insecto vese tamén nas abondosas composicións infantís recollidas no Cancioneiro de Tradición Oral protagonizadas pola xoaniña con funcionalidade diversa. Eran coplas coas que se pretendía entreter a rapazada poñendo a xoaniña sobre a man e agardando a que voase:

Xoaniña voa, voa / vai buscar os teus filliños / ó monte de Vilaboa.

Xoaniña, voa, voa, / que teu pai vai en Lisboa / a comprar pan e viño / “pa” pasar o camiñiño. / Xoaniña, voa, voa / que o teu pai vai a Lisboa / un, dou, tres… (vaise dicindo número ata que saia voando).

Xoaniña, voa, voa, /heiche de dar pan de broa, / e se voas, voas ben, /douche pan trigo tamén! (Agarimamos a man da nena e ao rematar facemos cóxegas).

Costureiriña garrida, /mañá chove ou vai bo día? (se saía voando, non chovía).

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir