
Unha plantiña pequeneira que medra nos valados sombríos e húmidos tingue de verde brillante os camiños. Os científicos chámana umbilicus rupestris, nomenclatura que describe a forma que teñen as follas, redondas e cun buratiño no medio que recorda un embigo. Mais popularmente é coñecida como couselo, entre outras denominacións.
O couselo, planta común en todo o noso territorio, pódese localizar nas paredes e nos tellados vellos, entre as pedras e nas ribeiras sombrizas; caracterízase por ter os talos carnosos, duns dous centímetros de altura, florece ao final da primavera con inflorescencia erecta. É comestible, pode facerse en ensaladas; mais o habitual é o seu emprego terapéutico para curar feridas e chagas ou para minorar a dor de queimaduras e das frieiras, en xaropes expectorantes e infusións diuréticas; as posibles propiedades curadoras xa as mencionaba Hipócrates cando recomendaba a súa inxestión para mellorar a fertilidade masculina.
A denominación couselo vén do latín calicellum diminutivo de ‘cálice’, cruzado probablemente con capsellum, derivado de capsa. Se vemos o vexetal de perfil a súa figura pode gardar certo parecido cunha copa. Este termo recoñécese na maioría do territorio, sobre todo, no centro-sur da provincia da Coruña, na diagonal que se forma desde Barreiros en Lugo ata o sur da provincia de Pontevedra, Oia, e no occidente da de Ourense. A palabra pronúnciase cun [e] pechado nas zonas máis occidentais e cunha realización aberta [Ɛ] no interior. Variantes léxicas deste son causelo, coucello ou coucelo. A forma conchelo é un cruzamento de concha e couselo que atopamos na Rías Baixas. Na zona da costa da Morte empréganse os nomes crouquelo, cróqueles ou cróquel dos valados. Outro dos sinónimos cos que identificamos este vexetal é capelo, termo procede do latín medieval capellum que remite ao clásico cappa ‘protección da cabeza’, unha vez máis, estamos ante unha forma descritiva, xa que a peza do vestiario garda similitude co aspecto das follas do couselo. Esta forma localízase no norte das provincias da Coruña e Lugo, tamén no oriente desta última, con realización aberta da vogal tónica. Outros vocábulos recoñecidos relacionados co feito de cubrir a cabeza son pucho das paredes ou sombreiro de sapo. Por último, cómpre sinalar que o enxeño dos falantes atopou semellanza entre a planta e as orellas dalgún dos membros da igrexa, deste modo, temos as locucións, máis minoritarias no uso, orella de abade, orella de frade e tamén orella da pena.
Esta diversidade de denominacións tamén se observa nas linguas próximas a nós, en portugués: cachilro, umbigo de vénus ou sombreirinho-dos-telhados; en catalán, barralets, capellets de paret, orella d’os; en italiano ombilico di Venere ou cappellini; en francés, nombril de Venus ou oreille d’abbé.