Voces mundiais do ano pasado

As persoas que vos achegades ata o Portal xa sabedes que a palabra do ano 2022 elixida por votación popular foi comadre, na acepción de ‘compañeiras que se prestan apoio para faceren fronte aos contextos adversos e que se fan tamén compaña nos bos momentos da vida’. Mais nós non somos os únicos que facemos esta escolla e, daquela, imos dar unha volta polo mundo para ver que palabras escolleron os nosos veciños e con que realidades se identifican.

Primeiro o máis próximo

En Portugal a iniciativa Palavra do ano da Porto Editora elixiu guerra; a invasión de Ucraína por Rusia, o maior conflito militar no continente europeo desde a Segunda Guerra Mundial, está detrás desta escolla. En Cataluña seleccionan o neoloxismo do ano entre as diferentes propostas ofertadas polo Observatorio de Neologia e o Institut d’Estudis Catalans, e foi escollido birra, un termo antigo e popular, que non estaba incorporado ao Dicionario de la llengua catalana). A Euskaltzaindia e o Centro Vasco de Terminoloxía e Lexicografía UZEI, entidade asociada á Academia do Éuscaro, elixiron o termo zorioneko (afortunado) como palabra do ano 2022 para o éuscaro. A súa voz máis antiga rexistrada nun gravado en caracteres ibéricos do século I a. C. atopado nun xacemento navarro. Para o castelán a Fundación del Español Urgente (FundéuRAE), promovida pola Axencia EFE e a Real Academia Española, outorga o título de palabra do ano á locución inteligencia artificial seleccionada pola súa presenza nos medios de comunicación ao longo do ano, debido aos avances desenvolvidos neste ámbito e as consecuencias éticas derivadas.

Nos países da lusofonía retrátase a realidade propia

No Brasil, Cause –equipo formado por profesionais da socioloxía, antropoloxía, a xestión pública etc.– di que a palabra que resume o 2022 foi esperança, o vocábulo escollido pola maioría das persoas entrevistadas de todas as rexións do país. Á par, o dicionario brasileiro Dicio (Dicionário Online de Português) ditamina que o termo que os definiu ao longo do ano é democracia, pois, tras as distintas disputas electorais ao longo do ano, é fundamental o fortalecemento do marco democrático. En Angola a Palavra do ano é unha iniciativa da Plural Editores para destacar a riqueza léxica e o dinamismo da lingua portuguesa. Alí elixiron o termo cuiar, vocábulo pertencente á lingua coloquial, que posúe o significado de ‘agradar’, ‘estar animado’ ou ‘ter éxito’. Semella que a pesar das contrariedades, as angolanas e os angolanos procuran algo que os poida animar.

Europa, preocupada pola enerxía

En Suíza un equipo de investigadores do Departamento de Lingüística Aplicada da ZHAW (Zücher Hoschschule fur Angewandte Wissenschaften) localiza a Palabra suíza do ano nas catro linguas nacionais. A parte italiana escolleu Penuria (escaseza), que reflicte, por un lado, o temor á escaseza de produtos de primeira necesidade debido á guerra en Ucraína, e, por outro, a toma de conciencia de que os recursos naturais son finitos. No cantón de fala francesa a voz escolleita é Boycotter (boicot), como un xeito de manifestar o desacordo coa celebración do mundial de fútbol en Catar. Na área alemá recoñecen como palabra do ano Strommangellage (escaseza enerxética), un vocábulo que fai referencia á redución no consumo para non esgotar as reservas, porque algo que parecía sempre accesible tornase escaso debido ao conflito bélico europeo. En reto-románico ou romanche escollen macanza, que fai referencia ao temor á escaseza de materias primas e enerxía, pero tamén á de traballadores nos comercios e fábricas.

Nos Países Baixos, segundo a páxina dos dicionarios Van Dale, a palabra que define o 2022 para eles é klimaatklever, que se lle atribúe ao ‘activista que se aferra a un obxecto de valor simbólico para que o público xeral reflexione sobre cuestións climáticas’. En Alemaña a Sociedade para a Lingua Alemá (GfdS) anunciou que a palabra para o ano 2022 é Zeitenwende (época de transición ou punto de inflexión): a voz non é nova, pero durante o 2022 cobrou actualidade pola súa utilización polos mandatarios alemáns para se referiren ao punto de inflexión que representaba o ataque a Ucraína en febreiro do 2022. A política económica e enerxética alemá tivo que ser reformulada, e houbo que reorganizar as relacións con outros socios internacionais como a China.

Nos países anglosaxóns inquedanzas diversas

En Gran Bretaña o dicionario Collins, unha das obras lexicográficas máis veteranas da lingua inglesa, considerada unha referencia nos dicionarios, escolleu o termo permacrisis, palabra que alude á sensación de estado de crise permanente que perciben as persoas e á incerteza do que ha de vir. O Cambridge dictionary, o máis empregado polas persoas que estudan inglés, decidiu que a palabra do 2022 é homer (denominación coloquial do béisbol para home run), popular grazas a un xogo en liña no que hai que buscar palabras de cinco letras. Para o dicionario Oxford a voz máis representativa do ano é globin mode (modo trasno) que describe o xeito de zafarse das convencións sociais que, logo da pandemia, se consideran excesivas e innecesarias.

Do outro lado do océano Atlántico, a páxina web dictionary.com definiu o ano 2022 coa palabra woman, que incrementou as súas buscas na páxina, como consecuencia de diversas circunstancias que a fixeron estar de actualidade. O dicionario Merriam-Webster escolleu a voz gaslighting (luz de gas), que se aplica a unha situación de abuso emocional, un tipo de acoso no que ‘a vítima cuestiona a validez dos seus pensamentos propios, a percepción da realidade, que a leva á perda de confianza e á incerteza emocional, chegando á inestabilidade mental’. The American Dialect Society, na súa 33 reunión anual, seleccionou o sufixo -ussy como palabra do ano 2022. A xustificación desta elección radica en que é un sufixo moi empregado para facer palabras novas de carácter vulgar nas redes sociais como o TikTok.

Nos antípodas, Australia, o comité para a elección da palabra do ano do Macquarie Dictionary decidiu que o vocábulo que os representaba era teal (verde azulado), que fai referencia á cor que empregan os políticos que defenden medidas a favor da protección do ambiente e que reivindican a integridade nas actuacións públicas.

O Xapón, vai ao seu rumbo

Non é a primeira vez que este país opta por unha opción vinculada co deporte. Cada ano a editorial Jiyū Kokumin Sha publica unha relación de vocábulos ou expresións que representan a terminoloxía máis empregada durante o ano. Quedou en primeiro lugar Murakami-sama, un xogo de palabras co nome do xogador de béisbol máis popular (Murakami) que os seus seareiros o consideran un deus (sama).

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir