Voces para o Camiño

Peregrinar é “facer unha viaxe por devoción ou promesa”, e a persoa que a realiza é a peregrina. Ambas as dúas palabras remiten ao latín peregri, adverbio cuxo significado era ‘en país estranxeiro’ ou ‘fóra da casa’, e cuxa orixe está na frase per ager, ‘a través do campo’. Para atravesar un territorio é conveniente saber por onde ir; daquela, buscamos o mellor camiño ou “espazo trazado e disposto para poder ir dun lugar a outro”. A orixe deste nome atópase no latín vulgar *camminus, de significación semellante, e que remite ao celta (véx., por ex., o galés cam ‘paso’), que deixou descendentes en moitas das linguas románicas: camino (castelán), camí (catalán), caminho (portugués), cammino (italiano) ou chemin (francés). Adquire, co tempo, certa especialización como o ‘espazo delimitado que percorre ou vai percorrer unha persoa ou un grupo para chegar a un lugar específico’, e é neste sentido no que nos imos centrar a continuación. Hai unha serie de camiños de peregrinacións ao longo do mundo vinculados coas distintas relixións: os da Meca (Arabia); os de Varanasi (A India); o de Shikoku (O Xapón), e, para os cristiáns, os que conducen a Roma, a Xerusalén e a Santiago de Compostela.

O Camiño de Santiago é a ruta medieval que conducía á tumba de Santiago o Maior. Este apóstolo, en latín, chamábase Iacobus, unha adaptación do grego Iàkobos que, á súa vez, remitía ao hebreo Yaqob. E de aí xorden o adxectivo xacobeo, -a (‘relativo a Santiago’) e mais as rutas xacobeas, que son os distintos camiños que levan ata Santiago: o do Norte, o Primitivo, o Portugués ou o Francés… A maiores, camiño de Santiago tamén se refire á “parte da Vía Láctea que se percibe desde a Terra a simple vista”, xa que a posición da Vía Láctea era usada como referencia para poder seguir a senda por quen se dirixía a Compostela… antes de termos Sistemas de Posicionamento Global, claro!

“Finalmente, no ámbito galego o camiño de Santiago permitía marcar un sendeiro propio e singular para o desenvolvemento turístico, incorporando tamén boa parte do territorio galego, especialmente as esquecidas comarcas interiores.” (Xosé Manuel Santos Solla: A parroquia en Galicia: pasado, presente e futuro / Turismo e parroquias, 2009)

Na actualidade son moitas as persoas que veñen ata Galicia, mais no século IV unha muller, Exeria —unha nobre galega— decide poñer rumbo cara a Palestina na busca dos Santos Lugares e para comprobar a existencia das localizacións que se describen na Biblia, un desprazamento incrible descrito por ela mesma, en latín, na obra Itinerarium Egeriae, que constitúe un dos primeiros relatos de viaxes. O título da obra sérvenos para comentar o termo itinerario, que ben se podería considerar un sinónimo de camiño. Trátase dun substantivo culto que chega do latín itinerarius, palabra derivada de iter, itinĕris, que significaba ‘camiño’.

“Agora ben, ambas teñen en común a meta dun santuario “propiamente” galego e a vontade de os seus protagonistas faceren o itinerario a pé, á maneira dos “vellos” peregrinos.” (Alberto Allegue Leira: Viaxes e construción do pensamento. Viaxes e viaxeiros na Galiza anterior a 1936 / Catro escollas para escribir Pelerinaxes I, 2011)

Outro vocábulo da mesma familia semántica sería, sen dúbida, percorrido, ‘espazo que percorre ou vai percorrer unha persoa, animal, unha cousa ou un grupo’. Este vocábulo é froito da substantivación do participo do verbo percorrer, que procede do latín percurrĕre (‘correr sen parar, percorrer, viaxar de punta a punta, atravesar’), que se forma sobre currĕre, que significaba ‘correr’, ‘galopar’, ‘moverse’ ou ‘viaxar’.

“O mesmo aconteceu co exitoso Camiño dos Faros, un percorrido de 200 quilómetros que une Malpica e Fisterra acariñando a beleza salvaxe do litoral da Costa da Morte.” (Belén Puñal: Sermos Galiza, 28-8-2014)

Neste contexto adóitase empregar tamén o substantivo ruta, definido como a “sucesión de vías que se percorren ou que hai que percorrer para ir a algún lugar concreto ou que unen dous ou máis lugares entre si”. O termo, que chega á nosa lingua desde a adaptación do equivalente francés route, orixínase nesta lingua a partir da locución latina [via] rupta, que é o ‘[camiño] aberto no bosque’, onde rupta é o participio do verbo rumpĕre (‘romper’ ou ‘abrir á forza’). Da necesidade de abrir rutas —sobre todo comerciais— vén que, inda hoxe, se fale da ruta da seda, o conxunto de rutas cara á China a través das cales se adquiría a seda; da ruta do Incenso, que ía á Arabia; da das especias, que provocou a chegada de Colón a América, e da propia ruta xacobea, que foi unha das máis importantes vías de intercambio comercial e cultural do sur de Europa.

“Máis alá da cidade de Compostela , declarada Patrimonio da Humanidade , a nova entrega da colección Comarcas de Galiza propón un percorrido polos valores naturais , históricos e artísticos desta terra marcada polas rutas xacobeas , o peso da universidade e a localización das Administracións autónomas” (M.B.: A Nosa Terra, 12-3-2009)
Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir