Voces que describen un ano

A iniciativa Palabra do ano organízase en moitos lugares, e sempre no primeiro mes do ano facemos na RAG resumo do que decidiron as e os participantes nas convocatorias propias doutras linguas.

O máis próximo

Na Península Ibérica as voces que definiron o ano 2024 foron, para o castelán, o vocábulo dana que segundo a FundéuRAE foi un termo con moita presenza nos medios de comunicación logo das graves inundacións no leste e sur peninsular a finais de outubro e que provocou o interese e dúbidas lingüísticas nos falantes. Trátase dunha voz empregada fundamentalmente na meteoroloxía española, mais desde este ámbito pasou aos medios de comunicación e despois á lingua habitual, polo que xa foi incorporada ao dicionario. Este mesmo vocábulo foi o escollido, desde o Observatori de Neologia (Obneo) para o catalán mediante a campaña O neoloxismo do ano coa que se pretende achegar a lingua catalá aos falantes e facer visibles os temas que foron de interese durante o ano. A elección do éuscaro reflicte a preocupación polo que está a pasar no planeta, de aí que klima-aldaketa (cambio climático) fose o termo escollida por Euskaltzaindie e Uzei baseándose no incremento do uso desta voz nos medios de comunicación e nas redes sociais a raíz das consecuencias dos fenómenos meteorolóxicos extremos acontecidos. En Portugal, a voz elixida foi liberdade, escolla que ten a súa motivación na celebración ao longo do 2024 dos 50 anos da Revolução do 25 de abril. A proposta parte dunha enquisa dixital que elabora a Porto Editora e que pretende destacar a riqueza lexical e o dinamismo da lingua portuguesa.

A América lusófona

No Brasil, a palabra do ano para o dicionario Dicio foi imersão, a web indica que o significado deste vocábulo ampliouse cunha acepción referida á inmersión que teñen que facer as persoas para non quedaren desfasadas nas innovacións que traen consigo as novas tecnoloxías. Por outra banda, a “Palavra do Ano” da CAUSE e do Instituto de Pesquisa IDEIA, que intenta atopar o vocábulo que reflicta as preocupacións no Brasil ao longo de 2024 foi ansiedade, que emerxe como un reflexo dun ano marcado por desafíos globais e locais, pola preocupación pola saúde mental na pospandemia, o impacto do cambio climático, e a desigualdade, que intensifica a incerteza e presión social.

A Europa continental

En Italia, a palabra do ano resultou ser rispetto, que, segundo as directoras do Instituto Italiano da Enciclopedia Treccani, é voz moi relevante na sociedade italiana e debe converterse nunha voz fundamental no proxecto educativo, para logo espallarse nas relacións interpersoais, na familia, no ámbito laboral, na relación coas institucións civís, coa política, coas relacións internacionais. No país helvético (Suíza) escóllese unha palabra para cada un dos idiomas oficiais. Así, para o alemán, a voz do ano é Unterschriften-Bschiss. A estafa da falsificación das sinaturas nos diversos referendos realizados diminuíu a confianza no sistema de votación suízo. Para o cantón de fala francesa a voz escolleita é cessez-le-feu (cesamento do fogo), propia da linguaxe militar, coa que se para a contenda. Esta locución por mala fortuna foi sistematicamente desoída nos últimos tempos. No cantón italiano a elección foi non binario. A raíz da intervención de Nemo en Eurovisión e da participación de Imane Khelif nas olimpíadas de París xorde a discusión ao redor da visión dual do mundo en exclusiva. Para o romanche a seleccionada foi segundimorant, que amosa a preocupación das persoas oriúndas pola falta de solo edificable e da chegada de persoas doutras latitudes para mercar unha segunda vivenda nunha zona de escaseza de predios. Nos Países Baixos a editora Van Dale escolle a Palabra Van Dale do ano 2024, que resultou ser polarisatie (polarización). En Bélxica, a mesma editora, escolleu o termo bancario hangmatbeleggen (investimento hamaca), un tipo de investimento económico en fondos sen demasiado risco de perda. En Alemaña, a voz que se impuxo foi Ampel-Aus (semáforo apagado). As cores corporativas dos partidos do pacto de goberno coincidían coas dun semáforo, pero como o acordo se desfixo, o semáforo apagouse.

Nas Illas Británicas

O Dicionario Oxford escolle brain rot (podremia cerebral) como a voz do ano 2024, para expresar o suposto deterioro do estado mental dunha persoa polo consumo excesivo de contidos dixitais triviais e que amosa tamén a incipiente preocupación polas consecuencias do uso esaxerado de pantallas. O Dicionario Cambridge sinala que a palabra do 2024 é manifest. Unha das máis buscada ao longo do ano, dado que ao seu significado habitual engadiuse unha acepción empregada, primeiro, nos cursos de autoaxuda, pero que salta ás redes sociais e aos medios de comunicacións máis populares como ‘a práctica de usar métodos como a visualización e a afirmación para imaxinar o obxectivo a acadar, coa convicción de que iso incrementa as posibilidades de éxito’. O Dicionario Collins elixe como a palabra do ano, brat, voz que significa ‘mocoso’, mais que no argot urbano se usa aplicada á persoa que obtén o que quere e que non se adapta ás normas. A popularidade do vocábulo foi froito do uso que del fixo a cantante británica Charli XCX. Ela descríbese coma unha persoa que sobrevive malia as imperfeccións que ten e así a perciben as persoas que a seguen.

Nos Estados Unidos e Oceanía

As distintas empresas lexicográficas tamén realizaron a súa escolla. O dicionario Merriam-Webster’s di que a palabra do 2024 é polarization (polarización). Os medios de comunicación empregárona durante o período electoral para incidir na diferenza entre as propostas das dúas candidaturas ás presidenciais que levaba consigo apoios irreconciliables; mais parece ser que estas divisións transcenden ao debate político e chegan a outros ámbitos, como o laboral. A voz seleccionada por Dictionary.com foi demure un termo que indica ‘recato’ ou ‘modestia’, referido ao modo de vestirse ou maquillarse. Empregado nas redes sociais e usado polos e polas influenciadoras, que avogan pola discreción á hora de traballar de modo presencial nas oficinas.

O dicionario Macquarie de Australia convoca un comité de especialistas para analizar as novas palabras que se incorporaron ao dicionario ao longo do ano e seleccionar un destes termos como a Palabra do Ano do Comité. Logo hai outro apartado para a elección popular. Este ano as dúas coincidiron na selección enshittification (enmerdamento) que é un vocábulo coloquial para indicar a decadencia das plataformas que diminuíron a calidade dos seus servizos e aumentaron o custo dos mesmos para mellorar os beneficios.

No afastado Xapón

A triunfadora foi Fute hodo, título dunha das series de televisión máis populares no 2024. Foi seleccionada entre trinta expresións propostas pola editorial Jiyū Kokumin Sha a un xurado formado por escritores, intelectuais e personalidades diversas. A serie, emitida pola TBS, narra a historia dun profesor de educación física, que viaxa no tempo, de 1986 a 2024. A pretensión era transmitir que en todas as épocas a clave para comprenderse mutuamente está en abrirse aos demais.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir