Vogais que se repiten

No Setestrelo “Con a-e-i-o-u” miramos palabras con só unha vogal –por exemplo colondrollosou con todas –eufonía. Doutra volta en “As palabras máis longas” xogamos a buscar termos interminables e hoxe toca brincar coas palabras que máis repiten unha mesma vogal.

Unha teoría di que as vogais que máis se usan crean termos con máis repeticións. Nós pronunciamos máis as vogais abertas fronte á escaseza de <u> ou <i> e de ser certa a teoría deberiamos atopar máis palabras coas vogais A, E e O repetidas. Facendo operacións de mergullo no Dicionario, imos ver en que medida se cumpre esta hipótese:

 

U

Non hai ningunha palabra onde o <u> se repita cinco ou máis veces e detectamos tres onde a vogal aparece catro, iso si, dúas delas son da mesma familia, usufrutuar e usufrutuario. A outra usa dúas veces a vogal pero con truco, xa que figura como muda, formando parte dun dígrafo, lusquefusque. En conclusión, si coincide coa base de partida o feito de que as palabras co U repetido son as máis infrecuentes.

 

I

Neste caso, atopamos dous exemplos de palabras con seis <i>, que son bastante semellantes entre elas: indivisibilidade e inintelixibilidade. E termos nos que cómpre escribilo cinco veces haberá ducias, especialmente con esta mesma terminación (-idade) ou con algunha das seguintes: -ción, -((ib)il)idade, -ista, -ismo, -ario, -orio e -tivo. No Dicionario temos recollidas 15.

 

 

A

Seguimos e imos agora coas abertas. A vogal máis frecuente de todas é o <a>, pero sorprende descubrir que non haxa ningunha palabra que o conteña seis veces; iso si, contamos ata 50 termos con cinco! Velaí uns cantos exemplos: acanaladura, acaramelada, avantaxada, camaradaría, rapacarallas, transahariana, zalapastrada ou santabárbara. A teoría, aquí, cúmprese, pero a medias…

 

O

Este caso contrasta co resto pola proliferación de acentos que conteñen os <o> que se repiten. Só hai unha palabra con seis e, por suposto, un leva til: otorrinolaringólogo. Con cinco repeticións, hai algo menos dunha ducia, varias do ámbito da medicina, como otorrinolaringoloxía, odontolóxico, odontólogo. Outras, tamén con acento, serían fotocomposición, monocotiledóneo, onomasiolóxico, socioeconómico, aínda que algunha outra non o leva fotocompoñedora, hipofosforoso e todopoderoso.

 

 

E

E só nos queda unha vogal, a campioa en número de repeticións: oito palabras en que hai que escribir o <e> seis veces: desentebrecerse, empequenecemento, excelentemente, independentemente, irreverentemente, preferentemente, reverentemente e vehementemente. Que haxa dous <e> na terminación -mente, axuda e moito. Pola súa parte, as que levan cinco veces a vogal, andan preto do cento!

 

Concluíndo, cres que a teoría de que as vogais que máis usamos crean termos con máis repeticións é correcta? Ti dirás. Nós só che fixemos o traballiño de buscalas, que non foi pouco…

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir