Xela Arias ao teléfono

Xela Arias (1962-2003), protagonista das Letras Galegas 2021, foi unha autora que estivo na vangarda da súa propia xeración e daquela Galicia que espertaba á modernidade. Ela ía sempre por diante… como poeta, como feminista e activista social, e mesmo como activista da lingua. Deste último perfil é do que vos queremos falar nesta ocasión.

Xela Arias comezou a súa carreira profesional en 1980 na acabada de fundar Editorial Xerais, onde desenvolveu un importante labor como editora. Pero, unha vez máis vai máis alá, e xorde outra vertente, a de tradutora, na que desenvolveu un papel fundamental. A nosa autora tiña moi clara a importancia que ten poder acceder aos grandes textos doutras literaturas na nosa propia lingua e decidiu predicar co exemplo vertendo ao galego unha morea de obras. En solitario ou da man doutros tradutores e tradutoras, verteu ao galego títulos como Amor de perdición de Camilo Castelo Branco, Dublineses de James Joyce, O derradeiro dos Mohicanos de James Fenimore Cooper ou Drácula de Bram Stoker.

Unha das primeiras obras clásicas contemporáneas coa que Xela Arias nos agasallou na nosa lingua é Contos ó teléfono de Gianni Rodari (1920-1980), gañador do premio Hans Christian Andersen, considerado o Nobel da literatura infantil. A tradución, compartida co seu pai, o tamén tradutor Valentín Arias, viu a luz por primeira vez en 1986 na editorial Juventud. Como ensinante que fora, o escritor italiano animaba a unha educación activa, que fomentase a imaxinación e a creatividade, e cos seus contos pretendía que se volvese ás lecturas en voz alta, propias da tradición oral. A versión galega de Favole al telefono saíu do prelo nos albores do proceso de normalización, período voluntarista pero falto de ferramentas consolidadas (dicionarios, estudos gramaticais, manuais de estilo, e tamén obras para os nenos e nenas!…), así que os Contos ó teléfono era un texto realmente atractivo para unha escola que comezaba co manexo do galego.

A busca da calidade lingüística e literaria vese clara nesta versión, na que predomina a vontade de enriquecemento lexical e a consciente reivindicación do propio. Nas escollas lingüísticas para os conceptos orixinais procúrase que sexa sempre a tradución máis acaída, e a palabra do galego será a máis próxima ao léxico patrimonial. Deste modo, á rapazada achégaselle unha obra moderna e extraordinaria, pero, á vez, outórgaselle o privilexio de recuperar un vocabulario esquecido pola presión que exercía a lingua que se impuxera desde a escola.

O mellor é que vos acheguedes vós mesmos a estes Contos, pero imos dar unha voltiña polas súas páxinas para espertarvos a curiosidade lingüística. Nunha primeira parada no conto A famosa chuvia de Piombino, atopámonos co termo confeito “doce de pequeno tamaño feito de améndoas, abelás etc., cuberto de azucre”, do que xorde unha familia que acubilla tamén as voces confeitar, confeitaría ou confeiteiro, -a. Bebe do latino confectum ‘preparado’, remite ao italiano confetto ‘doce’ e, se ben non é unha forma habitual para o galegofalante, o seu uso está rexistrado no sur da provincia de Pontevedra, así que podemos pensar que a tradutora buscou nas súas variedades próximas para resolver unha posible lagoa terminolóxica. Chámanos tamén a atención (para ben!) o emprego de termos como astronave, cosmonauta, beirarrúa, dado que o galego daqueles anos tiña aínda pouco percorrido nas linguas de especialidade.

Tamén se observa que as designacións dos animais non son escollas inocentes: o caranguexo, “decápodo da suborde dos braquiúros, de corpo reducido e máis ou menos aplanado, con pinzas no primeiro par de patas e do cal existen varias especies”, tamén se denomina cangrexo, pero priorízase a forma máis afastada do castelán, e, unha vez máis, é un vocábulo próximo a Xela Arias, porque é a forma propia da ría de Vigo (Bouzas, Cesantes, Cangas).

N’O carrusel de Cesenatico aparece a palabra golfiño para designar o que no orixinal é Andiamo a vedere i delfini nel canale (‘Imos ver os golfiños no canal’); igual que en Alicia cae ó mar se escolle arroaz para un delfino che faceva le capriole (‘Un arroaz facendo unha reviravolta’). Aínda que sería correcto empregar nos dous casos a voz delfín, Xela Arias decidiu potenciar as formas máis de noso dignas de seren recuperadas. A procura do propio é tamén evidente cando elixe palabras como espantallo para spaventapasseri, ou caxato para bastone, que na nosa lingua aparece coas variantes cachaba ou caxata, procedentes do étimo do latín vulgar *caiatus ‘pau’ e utilizadas na provincia de Lugo, terra natal da tradutora.

Por último, é significativo o tratamento que se lles outorga aos nomes dos distintos personaxes dos contos que son adaptados aos equivalentes galegos: Xosé (Giuseppe), Xoán (Giovanni), Alicia (Alice), Martiño (Martino), Clodio (Claudio), Xacobe (Giacomo). É de novo unha aposta innovadora: a recuperación dos nosos nomes propios de sempre para lles chamar aos que acaban de nacer.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir