xeminadas

Andar reiterando as cousas pode resultar pesado, pero ás veces cando escribimos unha palabra non temos máis remedio que repetir a mesma letra inmediatamente. Este proceso denomínase xeminación, emparentado co étimo de xémini, ‘xemelgos’. En linguas como o italiano, o latín ou o árabe é frecuente que se deba á representación da repetición dun mesmo fonema con valor fonolóxico diferenciado (allegretto, ex professo) pero en galego dáse especialmente por cuestións de escrita, normalmente en palabras de incorporación moi anómala (estranxeirismos ou cultismos), tanto pola súa procedencia como polo seu proceso de creación, como poden ser graal ou portaavións. Ter unha ortografía etimolóxica, coma a nosa, requírenos andar con máis ollo á hora de escribir!

Estas duplicidades poden clasificarse en xeral pola orixe. Destacan os cultismos, nomes científicos e terminoloxía biolóxica e estranxeirismos, sobre todo ingleses e italianos hobby ou tutti.

Pero que nos están a dicir estas letras repetidas da evolución das palabras? Na maioría dos casos, a ortografía duplicada das linguas orixinais marca un proceso de derivación que se conserva etimoloxicamente na escrita, sobre todo nas vogais (como na composición en contraataque ou a derivación en bateeiro) ou ben reflicte unha lectura específica e diferente da simple. Este último é o caso das xeminadas máis comúns na nosa lingua, LL e RR, que se usan como dígrafos para representar na escrita un son ben distinto do que indica o L individualmente en calquera posición e o R entre dúas vogais. Os exemplos son moi numerosos, seguro que axiña che veñen unha morea á cabeza, non si? Corredoira, catarro, arredor, carraxe, arrogancia, pallaso, coello, folla, carballo, malleira

 

A seguinte duplicación de letras en frecuencia é CC, con máis de 200 casos e certas peculiaridades: case nunca segue á letra I -aínda que hai oito excepcións: adicción, convicción, dicción, evicción, ficción, fricción, indicción, micción e derivados- e nunca aparece antes do U… Ou esquecemos algo? Caes na conta? Se a túa resposta é succión (e derivados, coma sempre), estás no certo. O grupo CC está ademais en relación directa co CT, e moitas palabras que co primeiro son substantivos vólvense adxectivos co segundo: infracción/infractor, dirección/directo, elección/electo, proxección/proxecto, trisección/trisector

 

Imos agora coas xeminadas vocálicas. Nas 103 formas que conteñen a vogal repetida OO, aparecen uns cantos grupos que o explican, principalmente prefixos como CO- (cooficial, coordinación) ou MICRO‑ (microondas). No caso de EE, temos 100 formas que responden maiormente ao sufixo ‑EIRO aplicado a bases substantivas ou adxectivais en ‑EO (alleeiro, preeiro) e verbais en ‑EAR (clareeira). Tampouco hai que esquecer os prefixos NORTE‑, SOBRE‑, PRE‑ e, sobre todo, RE‑ seguidos dunha palabra iniciada con E: norteeuropeo, sobreexpor, preexistente, reembolsar, reemitir ou reenvío. As xeminadas vocálicas tamén inclúen uns cantos estranxeirismos como os anglicismos feedback, pedigree e jeep para EE ou booleano, cookie e zoom para OO.

 

Outro tanto volve acontecer coa xeminada NN, presente en palabras que se orixinan dos sufixos CIRCUN‑, CON‑ (circunnavegar, connosco, connotación) e especialmente IN‑ (innervar, innúmero, innomeable). Neste caso atopámonos tamén con vocábulos que a conservan por derivar de (‑)PENN‑/PINN‑, “pluma” (bipenne, pinnado); CANN‑, “cana” (cannabáceas); ENNE‑, “nove” (enneágono, enneasílabo); ESTANN‑, “estaño” (estannífero); SUNNA‑, “unha das ramas do Islam” (sunnita); de perenne (perennidade); do nome de Linneo (linneano); e en estranxeirismos como pfénnig, prima donna e hosanna.

 

As formas que seguen xa son moi contadas. É o caso, entre outras, das palabras coa xeminada SS, que proceden principalmente do latín (ex professo, grosso modo e pássim), e o inglés (mass media, miss, stress e topless), aínda que tamén doutras linguas europeas (croissant, pianíssimo, loess, ossianismo, gauss e kermesse). Case todos os exemplos desta repetición pertencen a linguas onde a duplicación ortográfica en SS implica unha lectura diferente do S intervocálico, que resulta ser sonoro.

 

Rematamos este Allos con bugallos cun caso especial. Trátase dunha letra latina orixinalmente xeminada que tras o seu paso polas linguas xermánicas se converteu nunha soa letra na actualidade. De feito, é a única que no seu nome indica que se duplica. Adiviñas cal é? Dámosche unha pista: é unha letra allea ao noso alfabeto que empregamos só en certas palabras tomadas directamente doutros idiomas, e. Si, si, é o W. Como xa é unha xeminada en si mesma, non ten escribirse outra vez!

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir