Montes e serras: O Xistral

Nacemento do río Landro no Xistral, a caron dunha mata de meum athamanticum. Detalle dunha foto de Manolo Lamas [wikicommons.org]

A montaña de Galicia : unha volta para 2024

Se no verán de 2023 percorremos as nosas praias, neste ano imos facer un percorrido pola outra face de Galicia.
Coñecida é a dualidade do noso país, con trazos diferenciais entre a montaña e o mar tan marcados que ás veces un pode cambiar de universo nunha breve camiñada. Inda que non pretendemos comezar unha nova xeira de competición xeográfica que xa estamos bastante servidos, este ano o noso cantar vai de montaña:

Anque che son da montaña,
anque che son montañesa,
Anque che son non me pesa.

Montes e serras:

O Cebreiro | O Pindo | O Xistral | A Capelada | O Courel | O Faro | O Xurés | Os Ancares | Pena Trevinca

O macizo montañoso que separa a Terra Chá da costa lucense é unha terra de moderadas alturas pero na que a metereoloxía se conxura para facer dela un lugar inhóspito no inverno. No verán, precisamente por estas circunstancias, é un lugar que paga a pena visitar, onde se poden atopar fauna salvaxe e gando que pasta libremente.

Varias son as etimoloxías que se propuxeron para este topónimo: desde o vento frío que rexistra o DRAG, onde a xistra aparece definida como “Chuvia ou neve acompañada de vento forte e xélido”, ata a súa relación con seixo, que, por certo, nesta terra adquire unha forma única chamada cuarcita do Xistral.
Porén, Gonzalo Navaza non exclúe unha explicación fitonómica: trataríase dun lugar onde era abundante a xistra, pirixel salvaxe con nome científico Meum athamanticum.

Na serra atopamos o que é sen dúbida o lugar mais interesante para a espeoloxía en Galicia: a cova do Rei Cintolo.

Un disco editado por Edigsa/Xistral. Imaxe: http://cancionypoema.blogspot.com/2012/10/el-colectivo-voces-ceibes-y-los-poetas.html

Pero a palabra Xistral está ligada, sobre todo, na nosa cultura á empresa editorial que con ese nome fundou, nos anos 60, o poeta e académico Manuel María, homenaxeado no Día das Letras de 2016.

Unha editorial en que publicaron os seus primeiros libros poetas novos, como os hoxe académicos Darío Xohán Cabana e Margarita Ledo e que, conxuntamente coa discográfica catalá Edigsa, deu un significativo pulo á Nova Canción Galega. Unha pequena librería co mesmo nome nas Galerías Fontecha, en Monforte de Lemos, converteu a vila, a través do seu faladoiro, nun dos puntos intelectuais do país naqueles difíciles anos.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir