A montaña de Galicia : unha volta para 2024
Se no verán de 2023 percorremos as nosas praias, neste ano imos facer un percorrido pola outra face de Galicia.
Coñecida é a dualidade do noso país, con trazos diferenciais entre a montaña e o mar tan marcados que ás veces un pode cambiar de universo nunha breve camiñada. Inda que non pretendemos comezar unha nova xeira de competición xeográfica que xa estamos bastante servidos, este ano o noso cantar vai de montaña:
Anque che son da montaña,
anque che son montañesa,
Anque che son non me pesa.
Montes e serras:
O Cebreiro | O Pindo | O Xistral | A Capelada | O Courel | O Faro | O Xurés | Os Ancares | Pena Trevinca
Serra do Xurés
Está claro que o topónimo portugués de Tras-os-montes é un topónimo posto desde Galicia, pois os montes dos que fala son os montes do Xurés, chamados Gêres en Portugal e quen fala de Tras-os-Montes ten que estar mirando cara ao sur. Ambos os nomes, aínda máis próximos na pronuncia ca na ortografía, proceden da mansión Aquis Origines, presente no Itinerario de Antonino, unha das paradas da Vía Nova, a vía XVIII, que ía de Bracara Augusta a Asturica, as actuais Braga e Astorga. Aquis era un nome común entre os romanos para denotar a presenza de termas ou augas medicinais, difundido tamén por exemplo na Provenza (Aix-en-Provence).
Do lado portugués, temos o parque nacional de Peneda-Gerês. Tanto o Xurés, no lado galego, coma o Gerês do lado portugués, conservan vales en forma de U derivados da glaciación cuaternaria, como o do río Vilameá, morenas, fervenzas e pegadas romanas, como os numerosos miliarios e aínda fragmentos de calzada.
Andando dunha parte á outra do parque, é fácil cruzar o río do esquecemento, onde Décimo Xunio Bruto chamou un por un os seus soldados, para demostrarlles que non estaban diante do mítico Lethes que fai perder a memoria dos que o cruzan. O río Limia, en portugués Lima, identifícase normalmente con este río, inda que houbo intentos de atribuílo ao Leça, moito máis ao sur, pero foron desbotados. Unha mágoa porque unha versión combinada explicaríao todo: Bruto esquecería os nomes en Leça pero aprenderíaos novamente no camiño do Porto a Xinzo ou a Ponte de Lima, de xeito que sería quen de chamar os seus soldados despois de atravesar o Limia.
Sexa onde sexa o punto onde o feito se produciu, aí están todas esas pedras que son suficientemente contundentes como para que non sexa doado dalas ao esquecemento.