O bookcrossing, os libros libres, os libros á solta etc. é un movemento nacido nos Estados Unidos en marzo de 2001 que se caracteriza por poñer en práctica a liberación de libros en espazos públicos para que outros os atopen, os lean e os volvan ceibar, transformando, así, o planeta nunha inmensa biblioteca e facendo o acceso á lectura universal.
O termo máis coñecido e popular é o anglicismo bookcrossing, sobre todo, porque tamén se creou un sitio web unificado: http://www.bookcrossing.com onde se rexistran os libros que se liberan e os que vas lendo para seguirlle a pista e saber que é del. O vocábulo foi rexistrado no dicionario de Oxford no ano 2004 e está formado polos termos ingleses book (libro) e cross (cruzar, ir ao outro lado).
Noutras linguas temos o anglicismo funcionando pero ofertan tamén adaptacións propias. Para o catalán proponse: passalibres (pasar libros); en francés suxiren: bouquinomadisme, bliblionomadisme, bouquinade, (no Quebec, libros nómades) e passe-livre (para Francia), no italiano atopamos passalibro (transitar o libro), giralibri (libros que rodan), liberalibri, libri liberi, libri in libertà (liberar libros), en portugués din livros à solta ou livros viajantes (no Brasil) e en español usan o vocábulo inglés e tamén liberación de libros, e en América latina libro libre.
Aínda que a denominación inglesa está moi estendida, vemos que as linguas de arredor tentan adaptala a elas. O galego tamén o está a facer e atopamos as seguintes aparicións: solta de libros, proposta que nos dá TERGAL, tamén puidemos ver propostas como libros viaxeiros ou libros ceibes –estas dúas menos abondosas-, mesmo tivemos un espello galego da web de bookcrossing, que era http://www.libro-libre.org. As persoas que falan unha lingua son soberanas na súa escolla e ninguén condenou o uso do termo inglés; mais algunhas veces non temos necesidade ningunha de botar man del, se a nosa lingua ten recursos para nomear o devandito fenómeno facendo unha analoxía co feito da solta de animais para poñelos en liberdade.