Luísa Villalta ademais da súa faceta musical como violinista, e da súa faceta literaria como escritora destacada, posuía unha inquedanza social que motivaba a súa preocupación polo que sucedía ao seu redor. A procura da xustiza e o devezo por sermos un país avanzado e culto levouna a formar parte da directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega, a coordinar a área de revisión histórica e análise crítica da cultura no Foro da Cultura Galega, a participar no Foro Negro, e a ser membro da Mesa pola Normalización Lingüística. Amais da súa colaboración activa en todas as iniciativas mencionadas, ela deixaba constancia das súas opinións en numerosos artigos xornalísticos aparecidos en diversas publicacións periódicas, como Man Común, A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada, Tempos Novos, Grial, Luzes de Galiza, Agália, Boletín Galego de Literatura, A Trabe de Ouro, Enclave, Página abierta etc. Neles denunciaba de xeito contundente a hipocrisía política así como os abusos desapiadados da sociedade capitalista, e criticaba a ineficacia das solucións propostas para paliar as eivas sociais que tiñamos. Sempre se situaba do lado das persoas máis desfavorecidas, mais empregando un ton construtivo.
Por isto poderiamos definila coma unha activista social que, segundo o Dicionario, é a “partidaria do activismo”; era unha persoa que interviña activamente na difusión e na defensa das ideas e das propostas nas que cría. O termo activismo está formado sobre o adxectivo activo ao que se lle engade o sufixo -ismo, co que se forman substantivos que se relacionan cos conceptos ‘doutrina’, ‘movemento’ ou ‘tendencia’.
Os activismos son movementos cooperativos que buscan a reunión das persoas ao redor dunha causa. No caso de Luísa Villalta foron numerosas as causas ou “conxunto de intereses que se defenden e polos que se loita”, ás que se adhería e en todas elas se involucraba intensamente. Cómpre salientar a súa implicación no movemento social xurdido ao redor do afundimento do Prestige e a nefasta marea negra que provocou; interveu nas manifestacións, en diversos recitais, e foi unha das poetas que participou no libro Alma de beiramar. Intervención poética contra a marea negra (2003):
Non houbo focos que apagasen a luz constante do corpo
entregado ao naufraxio permanentemente adiado,
día tras día, ano tras ano,
en que as ondas lle traían o diario recambio da morte
como quen lle deixa o pan e algún que outro alimento
Até que o corpo e o veneno derramado
polo vaso roto da ambición civilizada
fixeron causa común
para vestirlle de negro a alma.
“Indíxena da civilización” en Alma de beiramar, 2003
Tamén atopamos a súa pegada na obra Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina (2003), onde aparece o poema “Debilidade” no que denuncia a situación que padecía o pobo palestino e que por desgraza coincide coa actual.
Porque non son soldado nen suicida,
confeso que son débil
e que na miña debilidade
vin os ollos da morte,
e tiñan o teu nome, Xerusalén.
“Debilidade” en Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina, 2003
A pretensión non era outra que denunciar a barbarie (característica das persoas que actúan dun xeito bárbaro ou cruel, así coma dos seus actos inhumanos) da guerra contra o pobo palestino ao longo de gran parte do século XX e XXI, que motiva a aparición da intifada, termo que, segundo nos informa a base de datosde terminoloxía galega Tergal, resulta da adaptación da palabra do árabe que designa a “revolta popular desenvolvida nos países árabes para combater un réxime opresor ou un inimigo estranxeiro a través da desobediencia civil, especialmente a da poboación palestina contra a ocupación israelí”.
Luísa Villalta reivindicaba para todas e todos a paz, a xustiza, a igualdade e a liberdade para poder vivir nun mundo que aspira a ser mellor.