Hai dous anos vímonos obrigados a illarnos nas nosas casas para nos agochar do virus. Iso provocou que unha manchea de plans, propostas suxestivas ou quedadas divertidísimas ficaran no aire e para unha mellor ocasión, para cando se puidese. Esta acción denominámola adiar “deixar para outro día”.
Unha palabra creada por derivación tomando como base a voz día (que vén do latín vulgar *dia, variante do clásico dies co mesmo significado) á que se lle engade o prefixo a– e asemade a desinencia formadora de verbos –ar, seguindo o mesmo proceso que aparece, por exemplo, no seu sinónimo aprazar, que parte de prazo, “espazo determinado de tempo para a realización de algo”. En lingüística esta forma de crear voces novas denomínase parasíntese. Ambas as dúas palabras ademais de compartiren procedemento de formación comparten tamén significado, que está moi próximo tamén ao doutros verbos como pospoñer, delongar, postergar e, mesmo, un cultismo revitalizado como é procrastinar que vén directamente do latín procrastinare co mesmo significado. Son denominacións que se empregan na lingua coidada dentro dun rexistro culto.
Na linguaxe administrativa o vocábulo estudado emprégase, –xunto co substantivo derivado, adiamento–, para indicar que algo programado para un día concreto se realizará noutra data. Neste contexto é susceptible de ser substituído, se nos prace, por aprazamento. Aínda que o galego aprazar e o castelán aplazar comparten basicamente o mesmo significado, cómpre estarmos atentos, porque o galego non posúe a acepción sinónima de ‘emprazar’, que posúe o verbo en castelán.
No eido do común o concepto que transmiten estas formas verbais non goza de moi boa sona. O de deixar as cousas para outro día é indicio de pouca seriedade e algo de preguiza, por iso xorden varios refráns alusivos como os que seguen: para o que has de facer non digas: mañá!; o feito vence ao que está por facer! ou nunca “tempo hai!” fixo cousa boa.
Porén a nós sóbrannos as ganas de avantar “ir cara a adiante” e non somos ningúns lacazáns, daquela só queda convocarvos a planificar, idear, deseñar ou argallar propósitos e obxectivos novos, porque o futuro está a vir e xa nos dirán: pola noite navíos, pola mañá gamelas!