afouteza

Afouteza ten dúas acepcións: pode referirse á disposición de quen actúa sen temor ás dificultades ou perigos, ou á seguridade en si mesma que demostra unha persoa. Os dous significados están moi vinculados pero conservan un valor semántico específico, razón pola que se propoñen para cada un deles voces diferentes como sinónimos: para a ‘disposición do ánimo’, poden ser equivalentes animosidade, audacia, denodo, ousadía e valor e para a segunda acepción, a do ‘carácter firme e seguro’, os que se propoñen como termos relacionados, non estritamente sinónimos, son decisión e enerxía.

A orixe de afouteza atópase nun verbo latino, favere, que tiña por significado ‘favorecer’ ou ‘protexer’ e que os romanos usaban en principio no ámbito relixioso para se referiren aos favores e á benevolencia dos deuses cos mortais. De favere e do seu supino fautum chegouse en romance a fouto e fouta, as formas primitivas do adxectivo. Logo na fala engadiuse unha vogal inicial de reforzo, e de aí afouto e afouta, é dicir, a persoa que “ten ou amosa afouteza”. Completan a familia léxica o adverbio afoutamente e mais o verbo afoutar (que pode ser tamén pronominal, afoutarse), cando lle damos ánimos ou valor a alguén, para realizar algo ou encetar unha empresa.

Afouteza está na lingua practicamente desde os inicios, como indica a súa presenza en documentos do século XIV. A primeira recollida lexicográfica fíxoa Juan Sobreira a fins do XVIII, na súa colección de termos. Di o padre Sobreira que “afouta” é a “persoa dilixente e activa nun traballo, manifestándose confiada no logro” e insiste “o que non desmaia, ou non manifesta desconfianza no que emprende” (adaptación da definición orixinal do frade bieito Sobreira, na súa colección lexicográfica de 1787-1805). Desde esa primeira notación, a palabra afouteza (ou no seu caso o adxectivo afouto-a) estivo presente sen interrupción nos dicionarios e glosarios históricos, incluíndo a primeira entrega do Dicionario da Academia (1913-1928), onde figuran asemade as variantes afoto –a e afoutado –a.

Mais a afouteza non é só unha palabra de dicionarios e dicionaristas, xa que aparece con certa regularidade en textos literarios e particularmente nos medios de comunicación, desde O Tío Marcos da Portela, pasando por A Monteira, a revista Nós e A Nosa Terra do comezo do XX entre outras. Neste espazo comunicativo, volve brillar nesta segunda decena do século XXI.

Afouteza, Palabra do Ano 2017

Cun 48 por cento dos votos, afouteza foi escollida Palabra do Ano 2017. Votaron por ela 3.004 persoas das 6.228 que participaron na elección. Independencia foi a seguinte en número de votos con 939 e sapoconcho a terceira con 830.

O éxito de afouteza cociñouse ao longo de todo o ano 2017, xa que durante varios meses liderou a listaxe de palabras máis buscadas no Dicionario semana tras semana. Os medios de comunicación recolleron este dato, dando conta de que este interese por unha voz non moi frecuente na fala coloquial era debido á campaña do Celta de Vigo “Ensinémoslle ao mundo o significado da afouteza”, baseado nun verso do propio himno do club. A motivación dos e das seareiras pesou sen dúbida para que gañase a Palabra do Ano, pero entre os miles de votos que recibiu, non poucos se deberon ao poder semántico e á forma suxestiva desta palabra, cun contido e unhas implicacións que van máis alá do futbolístico.

2017 foi o ano en que afouteza conquistou unha vida nova: saltou do campo de fútbol á rúa, da rúa aos medios e tamén se introduciu en textos de diferente tipo, espertando a curiosidade de quen non a coñecía e pasou a incorporala ao seu tesouro léxico persoal. A palabra, cun sólido fundamento histórico, foi nestes últimos meses gañando posicións no espazo da fala e o léxico vivo. O mellor resultado posible: un partido en que gaña a lingua!

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!.

Cubre a enquisa aquí