algoritmo

Imaxe recortada da estatuta dedicada a Al-Khuwarizmi en Khiva.

É que eu son de letras! Este era un  argumento que nos permitía escapulirnos das matemáticas e das súas formulacións, mais agora non temos moito onde nos agochar, xa que a nosa vida está gobernada por algoritmos, ou iso din. No mundo dos matemáticos sonvos coñecidos de vello. O Dicionario di que se definen como o ‘conxunto de regras que, ao aplicalas, permiten resolver un problema mediante un número finito de operacións’. Deste xeito, mediante unha serie de instrucións ben definidas somos quen de resolver multiplicacións, poñer en marcha unha lavadora ou incluso unha doutora diagnostica ao paciente. Pero co desenvolvemento da informática, onde a linguaxe de programación está fundamentada en algoritmos, estes cobran unha importancia singular, xa que os resultados acelerados de Google, a oferta de posibles amizades de Facebook ou a as suxestións personalizadas de Netflix e Filmin botan man deles para o seu funcionamento e a nosa sorpresa.

Como é moi complexo explicar a incidencia dos algoritmos nas nosas interaccións cibernéticas sen meter o zoco, imos daquela darlle unha volta a súa orixe. Hai quen resolve o nacemento do termo no latín medieval algorismus, palabra á que se lle cruzou o grego arithmós ‘número’. Porén, tratándose de matemáticas deberiamos ser máis concretos e exactos. En realidade, o que manexamos é un epónimo que esconde o nome Al-Khuwarizmi, alcume do matemático Abu Yafar Mohámmed Abenmusa, que era orixinario de Khuwarizm (actual Uzbekistán), berce do saber e da cultura de Asia menor naquela altura. Grazas ás traducións das súas obras introduciuse a álxebra na Europa medieval, dado que foi quen de facer as matemáticas accesibles explicando o sistema decimal indio e impulsou o manexo do ábaco mediante a sistematización de regras concisas e claras, que serían os primeiros rudimentos do concepto de algoritmo. Eran as “regras de Al-khuwarizmi”, e de aí chegouse ao termo actual que non só designa os teoremas do matemático, senón calquera formulación que garde as características mencionadas.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir