autófona

A voz autófona é unha creación de María Victoria Moreno no congreso Poetas Alófonos en Lingua Galega, que se entende partindo da palabra alófono. No campo da fonética vén representar as diferentes realizacións non distintivas dun fonema. Pero alófono/a, como adxectivo, ten tamén unha acepción no campo de literatura á que a nosa lingua está moi vencellada desde que foi nos séculos medievais asociada a unha intraducible vea lírica.

Unha persoa alófona é literalmente alguén que fala nunha lingua diferente, inda que realmente se aplica a aquela persoa que escribe nunha lingua distinta da lingua nai ou da súa lingua de instalación.

Os seis poemas galegos de Federico García Lorca cualifícano como un dos principais poetas alófonos, pero o inventario de autores vén de lonxe e así cultivaron a poesía en galego tamén poetas casteláns como o Marqués de Santillana.

E as figuras da nosa literatura? Practicaron tamén a alofonía? Os exemplos non son moi abondosos pero hainos. Manuel Antonio, por exemplo, escribiu un poema en francés, Aquilino Iglesia Alvariño escribiu en latín e Cunqueiro en catalán. Tamén do outro lado do Miño, e do Douro, Pessoa escribiu requintados sonetos en inglés e Camões, en castelán.

Pero chega un momento en que un deixa de ser alófono. Como considerar alófono a Joseph Conrad ou Vladimir Nabokov na súa obra inglesa ou a Samuel Becket na sua obra francesa? É o mesmo caso que o de María Victoria Moreno, a protagonista do Día das Letras Galegas 2018, que renegaba da etiqueta de escritora alófona en galego e reivindicaba o seu papel de autófona.

No eido da lingua, o termo alófono é unha formación culta a partir de dúas unidades derivativas de orixe grega. Por un lado, o prefixo alo-, que bebe do vocábulo állos- ‘outro’ ou ‘diferente’ e que tamén atopamos en palabras como alomorfo ou alopatía. E doutro lado a base –fono, procedente do grego foné que significaba ‘voz’ ou ‘son’ e que atopamos en palabras galegas como teléfono ou interfono, mais tamén en francófono/a, “persoa de fala francesa” ou anglófono/a, “persoa de fala inglesa”.  Daquela semella o termo alofono é creación que non resulta allea ao proceso formador de novas palabras en galego, o mesmo que o reivindicado pola autora, autófona. Un fermoso neoloxismo que no fondo tamén nos serviría para sinalar o deber de todo artista: atopar e empregar a propia voz.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir