O 12 de outubro de 1923 fundouse o Seminario de Estudos Galegos nunha reunión na casa na que se criou Rosalía en Ortoño (Ames), onde unha manchea de persoas da intelectualidade galega pensaron que cumpría recoller, documentar e investigar a nosa cultura. Co adaxo do centenario desta data organizouse unha andaina (“camiño que se anda”) desde Santiago de Compostela ata Ortoño e, ao chegar, logo dunha cerimonia conmemorativa, xantar e romaría.
O de desprazarse dun lado para outro cos pés remítenos ás orixes da humanidade. A lingua fai referencia a esta acción mediante os verbos camiñar e andar. Así que podiamos inferir que as voces derivadas sobre estes dous verbos tamén son moi antigas, mais non ten por qué ser así. Andaina é un vocábulo habitual para nós. Trátase dunha palabra que nos remite ao verbo ‘andar’, este lévanos ao latín ambulare onde significaba ‘camiñar’; aínda que os e as especialistas na orixe das palabras teñen as súas reservas sobre esta etimoloxía. Porén de andaina somos quen de saber desde cando está documentada nos dicionarios históricos. O primeiro que a ten no seu elenco é o de Marcial Valladares (1884) que a define como ‘moito que andar, moito camiño’ [a tradución é nosa]; tamén está rexistrada no Dicionario da Academia (1913-1928) cunha significación semellante. As obras lexicográficas posteriores ofrécennos unha definición máis próxima á actual, ‘camiño longo’. Se revisamos os corpus galegos, a primeira aparición do termo atópase no Galiciano, no tomo 114 do ano 1886. Daquela, sen ser un neoloxismo propiamente dito, si é un vocábulo relativamente moderno cando se emprega na acepción ‘camiño que se anda’, ‘acción de percorrer un camiño’.
Por outra banda, o Dicionario proporciona como posibles sinónimos desta palabra as voces andada e tamén camiñada. Este segundo termo fórmase sobre a substantivación do participio pasado do verbo camiñar. Esta voz, como camiño, lévanos ao latín vulgar *camminus que xorde dunha raíz de orixe celta e coa que se vinculan os vocábulos do irlandés céimm e do galés cam ‘paso’. Da familia do concepto abordado temos os termos: andarela “camiñada máis ou menos longa” ou sendeirismo que definimos como o “deporte que consiste en facer longos percorridos camiñando por vereas e sendeiros”.