anteparo

Nestes tempos que estamos a vivir hai obxectos que cobraron protagonismo, inda que xa os tiñamos ao noso redor dun xeito discreto. Debido ás medidas de protección que esixe a covid-19 vémonos na obriga de botar man de máscaras hixiénicas, xel hidroalcohólico, pantallas faciais protectoras e tamén de anteparos. Estes últimos son paneis de vidro, plástico ou outro material translúcido que se empregan para protexer e separar as persoas que non poden manter unha distancia de seguridade mínima cando se relacionan entre si; e adoitan atoparse nos centros de traballo, nos mostradores das tendas ou nos espazos de atención ao público co fin de preservar as persoas dun posible contaxio.

O primeiro que nos vén á cabeza cando falamos de anteparos son os anteparos de ducha, locución substantiva masculina que recolle o Termigal (Servizo de terminoloxía Galega) para o termo do castelán: mampara de baño ou do portugués resguardo de banheira. En tres dos dicionarios históricos (o de Carré Alvarellos, Ibáñez Fernández e no de Franco Grande) xa rexistran o substantivo anteparo que definen como ‘obxecto que serve de resgardo’ e equivalente de biombo ou tabique. E no Vocabulario castellano-gallego de las Irmandades da Fala (1933), considerado o primeiro dicionario bilingüe, dá anteparo como equivalente da palabra castelá mampara. Dato que sinala que non é unha palabra allea ao galego. Como o demostra tamén o seu uso documentado no Corpus do galego actual (CORGA) e no Tesouro informatizado da lingua galega (TILG) co significado de ‘tabique’ ou ‘biombo’; e mesmo en textos máis especializados -referidos a embarcacións- onde anteparo adopta a significación de ‘separador’ de espazos ou, mesmo, unha modalidade particular de rede.

Noutras linguas, o concepto que estamos a traballar é denominado de xeito diferente e non uniforme. En portugués encontramos divisória, anteparo anti-contágio, en inglés, partition ou screen; en francés, cloison ou écran; en italiano divisorio, schermo anti-contagio. O uso do vocábulo non só se documenta nalgúns dicionarios antigos e nos corpus documentais, senón que aparece tamén utilizado xa en textos oficiais, coma o DOG, e noutros textos sobre o protocolo covid-19, como as páxinas web das Universidade de Vigo e a Coruña. Tratemos, xa que logo, de difundir o uso do termo anteparo para o concepto de ‘pequeno tabique transparente para protexer e separar as persoas’.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir