antroponimicidio

“A primeira obriga dun falante é chamar ás cousas polo seu nome, polo verdadeiro nome”. Con este mandamento, inicia Xesús Alonso Montero o Limiar do libro Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización, traballo de investigación levado a cabo por un equipo do Seminario de Onomástica RAG, dirixido pola académica correspondente Ana Isabel Boullón, en febreiro de 2017. Neste limiar, o presidente da Academia conta a través dunha fermosa fábula, do tempo en que “as cousas falaban”, que esas cousas, e máis aínda as persoas, quedan mudas, como mortas, cando alguén dá en chamalas por un nome que non lles é propio, que non é o seu. Este terrible feito, bautízao don Xesús como antroponimicidio.

De incluílo no Dicionario, o antroponimicidio pediría unha definición coma a seguinte: “crime cometido contra o nome dunha persoa”, ou sexa, un agravio onomástico. É o significado que se deduce da propia forma da palabra, por analoxía con homicidio, empregando o sufixo herdado do latín –cidium, que achega nos termos en que aparece o significado de ‘acción de quen mata ou o resultado desta acción’. Por exemplo, matricidio é o asasinato da nai (mater, matris), execútase rexicidio cando se lle dá  morte a unha raíña ou un rei (rex regis) e comete un suicidio aquela persoa que atenta contra a súa propia vida (sui era o xenitivo da forma latina para o reflexivo se).

No caso do antroponimicidio, a voz que funciona como base da palabra é o substantivo antropónimo, “nome propio de persoa”, que foi á súa vez un termo creado, no século pasado, polo histórico filólogo portugués José Leite de Vasconcelos, empregando dous étimos gregos ánthropos -ou, ‘ser humano’ (como en antropoloxía, a ciencia que se ocupa do relativo ao home, ou antropocentrismo, a doutrina renacentista que puña o ser humano no centro mesmo de todo o Universo) mais ónoma -atos, ‘nome’, de aí que a ciencia lingüística que se encarga da investigación dos nomes propios sexa a onomástica.

Podes descargar Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización nesta ligazón (PDF 328 KB).

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir