Somos un país produtor de enerxía eléctrica e con excedentes dela, por iso cando lemos que zonas enteiras quedaron sen luz, ás escuras, e que as compañías que nola venden tardan varios días en recuperar o servizo, non somos quen de que se nos acenda a lámpada da idea que o explique… [boh! volveron cortar]… e unicamente se nos vén á cabeza a frase aquela de que estamos fartos de ser… [vaites! outra vez!].
Cando se produce un corte repentino, e pasaxeiro, da subministración de enerxía eléctrica nun territorio, como consecuencia dunha avaría ou algunha outra circunstancia accidental, dise que houbo unha apagada, ou tamén, un apagamento, xa que no Dicionario os dous termos aparecen como sinónimos.
Un e outro son substantivos derivados sobre o verbo apagar que ten unha evolución de significado bastante curiosa, desde o latín ata as acepcións con que hoxe se define. En latín, o verbo pacare tiña o significado de ‘acalmar’ ou ‘pacificar’, e mesmo na lingua común acolleu o sentido específico de ‘apazugar con diñeiro’, enténdese que empregado nos casos en que os ánimos estaban alterados por unha débeda ou algún asunto que só chegaba a resolverse achegando unha certa cantidade de cartos. O sentido primario é común a outras voces como pactum, pacto ‘acordo’, ou pacificare, pacificar ‘negociar a paz’, as cales comparten a raíz do verbo pacare, que en último caso nos leva ao indoeuropeo *pak– / *pag– ‘fixar física ou moralmente’.
Da idea de calmar os ánimos que están acendidos chégase por figuración aos sentidos básicos que hoxe en día apagar ten para nós, ou sexa, facer cesar a luz ou o lume prendidos e, xa máis tarde, facer que deixe de funcionar un aparato ao cortarlle a fonte de enerxía.
Apagada e apagamento aparecen de continuo nos medios de comunicación cada vez que se dan tormentas intensas ou un temporal forte e as compañías eléctricas non son quen de asegurar os servizos que sosteñen; non é raro tampouco que estas palabras se vexan interferidas ou simplemente substituídas polos termos estendidos en linguas próximas que, en calquera caso, deben evitarse ao existir solucións propias e avaladas no estándar.