aporofobia

Detalle dun fotograma de The Kid (1921) de Charles Chaplin

Desde o diálogo de Platón Cratilo sábese que as etimoloxías son boas aliadas cando se busca o verdadeiro sentido dunha palabra. Non en van, étimo quería dicir en grego clásico ‘verdadeiro’. É o caso do sufixo -fobia que se utiliza para indicar o rexeitamento a certas clases sociais, condicións humanas ou grupos. Xenófobo ou homófobo son palabras creadas con esta partícula, pero o feito de que fobos signifique, en realidade, ‘temor’, palabra co seu propio deus na Grecia clásica, dános unha pista sobre a verdadeira natureza destes odios, tan desgraciadamente estendidos na nosa sociedade, pois a aversión polo que é distinto só se pode explicar polo medo.

Aporofobia, neoloxismo creado pola catedrática de Ética e Filosofía Política Adela Cortina nos anos 90, pretende recoller as dúas acepcións: o medo e o rexeitamento ás persoas pobres. O termo inspirará as intervencións de poetas e artistas do mundo da música que este sábado participarán en Vigo no terceiro aniversario do Foro Socioeducativo Os Ninguéns, que reivindica esta palabra co propósito de facer visible a realidade que designa e combatela a todos os niveis.

Fórmase engadindo o sufixo mencionado ao vocábulo grego clásico aporos, que se podería traducir por ‘pobre, que non ten medios, indixente’, inda que ten un sentido máis literal: ‘que non ten pasaxe, intransitable’, do que se deriva aporía, “proposición sen solución lóxica, que deriva da igual validez de dous razoamentos contrarios”.

O vocábulo foi elixido como palabra do ano para o idioma español 2017 pola Fundación del Español Urgente, como comentabamos neste allos con bugallos. A súa etimoloxía grega fai que esta voz poida ser asumida polos idiomas da contorna, pois a maioría acoden a esta lingua clásica para fornecerse deste tipo de termos, como case universal é tamén, lamentablemente, o fenómeno que describe.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir