astenia

En 1853, Herman Melville compuxo un conto cuxo protagonista era un escribente, de nome Bartleby, que a certa altura da súa vida decide responder a calquera requirimento que se lle faga coa frase: “preferiría non facelo”. Na historia de Melville, o oficinista leva a súa negativa ata límites extremos, pero sen chegar a tanto, quen nunca pasou por unha época na que nada nos motiva e o corpo enteiro está canso antes de facer ren? Os especialistas chámanlle a este estado astenia e parece que a estación da primavera pode contribuír a empeorala.
A palabra astenia é un cultismo que tomamos do grego asthéneia, partindo dos morfemas a– e –stenia, unha derivación do substantivo sthénos, que denominaba o vigor e a forza física e que, en combinación co prefixo, expresa a carencia ou a ausencia desta. A mesma terminación está presente noutros termos do ámbito da medicina, por exemplo neurastenia (unha afección con algúns síntomas comúns pero de carácter psiquiátrico), e en palabras con semellante filiación etimolóxica, como miastenia (debilidade muscular) ou psicastenia (un tipo de neurose).
A astenia non é unha enfermidade senón un síntoma asociado a outras doenzas, que consiste, como se indica no Dicionario, na “perda ou diminución da forza física”. A peculiariedade da astenia primaveral radica en que se manifesta asociada a este período concreto do ano, polo que se define como un trastorno estacional. Segundo os médicos, o máis probable é que esta astenia sexa en realidade a consecuencia de que o corpo se está adaptando ás novas condicións que suceden coa chegada da primavera, e que afectan á luminosidade, á temperatura e tamén á humidade e a presión atmosférica. Ademais disto, tamén é na primavera cando co novo horario se adiantan os reloxos, cos cambios que isto implica na organización do día a día. Todos estes axustes teñen consecuencias no organismo, concretamente no hipotálamo, que se encarga de segregar as hormonas relacionadas coa euforia e a felicidade, e que nestas novas condicións relaxa o seu nivel de produción. A consecuencia pode ser un sentimento de fatiga xeneralizada, episodios de somnolencia diúrna, falta de concentración etc.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir