avespa asiática

Fotografía de Danel Solabarrieta (Wikipedia)

A apicultura é unha actividade ben estendida no país e forma parte da tradición desde tempos remotos, como podemos comprobar na cantidade de topónimos que fan referencia ao mel e ás abellas.

A seca, as xeadas ou os incendios son factores que provocan a diminución ou eliminación das colleitas, ao incidiren directamente nestes insectos. Mais, desde hai un tempo, as abellas teñen un novo e perigoso inimigo, unha especie invasora procedente do sueste de Asia: a avespa asiática. Esta é a denominación habitual na maioría das linguas europeas: asian predatory wasp, en inglés; frelon asiatique, en francés; en catalán vespa carnissera asiàtica; Asiatische Hornisse, en alemán, mentres que en italiano empregan como nomenclatura o nome científico Vespa velutina, á par de calabrone asiatico.

Algo semellante acontece no noso caso, atendendo aos datos de usos reais dispoñibles. Así mesmo, á par de “avespa asiática”, en certa documentación oficial compróbase a utilización da nomenclatura Vespa velutina, incluso a combinación “avespa Velutina”. É curioso este triunfo do emprego, tanto na escrita coma na oralidade, da denominación científica, onde vespa é ‘avespa’ e velutina ‘como o veludo’, en referencia á fisionomía do animal, porque o tórax desta voadora ten algo semellante a pelo. Con todo, a recomendación é empregar avespa asiática, como nome común, aínda que recordamos que non é incorrecto, botando man de erudición, usar a denominación científica Vespa velutina, sempre que se escriba en cursiva e coa letra inicial en maiúscula, xa que esa é a norma ortográfica xeral para este sistema de nomenclatura biolóxica.

A avespa asiática chegou a Europa, procedente do sueste asiático, nos albores do século XXI e a Galicia en 2013. Inda que non é moito máis perigosa ca as de aquí –agás no caso de teres alerxia ao veleno que inoculan–, é recomendable permanecer a certa distancia dos niños, xa que só atacan cando se ven ameazadas. Ao non ter depredadores, a súa proliferación é doada, afectando a biodiversidade e prexudicando a produción do mel e a da froita.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir