axuda de custo

Cando un traballador se ten que desprazar por motivos de traballo fóra da localidade onde habitualmente realiza as súas funcións xerará o dereito a percibir, por parte de quen o emprega, unha compensación económica que sufrague os gastos que isto lle supón, xa que de non ser así ocasionaríalle unha perda de ingresos motivada por atender as súas tarefas.

 

Esta circunstancia está recollida na lexislación laboral doutros países co sentido de “indemnización” ou “subsidio” (no francés indemnité journalière, no italiano indennità giornaliera, no inglés daily allowance). Estas expresións teñen moito sentido, xa que se compensa economicamente o prexuízo causado ao traballador polo desprazamento, mais tamén hai denominacións máis específicas, como a diária ou ajuda de custo do portugués, a diaria do italiano ou o latinismo per diem utilizado no inglés. No noso caso, optouse por unha expresión documentada nos textos medievais, que cobre perfectamente a necesidade ao tempo que resulta harmónica (ou mesmo común) coa solución de linguas próximas: axuda de custo.

 

Na documentación dalgúns organismos atopamos a expresión utilizada unicamente para os gastos de comida ou hospedaxe, mentres que para os derivados da viaxe se usan denominacións como “axudas de locomoción” ou “gastos de desprazamento”, se ben en xeral, nos textos administrativos, fálase de axudas de custo  sen distinción.

 

Dependendo dos casos, segundo as horas que dure o desprazamento, terase dereito a percibir a axuda de custo completa ou só media.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!

Cubre a enquisa aquí