A finais de cada ano temos unha chea de tradicións e costumes que vencellamos coas celebracións do Nadal e cos festexos de fin de ano. Xa comentamos algúns deles, desta volta, imos falar un bocado das badaladas. Esas que agardamos cada noite do 31 de decembro anunciadoras, co seu son, que un ano marcha e outro chega cargado de ilusións.
A finais de cada ano temos unha chea de tradicións e costumes que vencellamos coas celebracións do Nadal e cos festexos de fin de ano. Xa comentamos algúns deles, e desta volta imos falar un bocado das badaladas. Esas que agardamos cada noite do 31 de decembro anunciadoras, co seu son, de que un ano marcha e outro chega cargado de ilusións.
Hai tempo, non tanto, as campás e as súas badaladas tiñan unha función primordial na sociedade galega como avisadoras sonoras. Hogano coñecemos as novidades de modo diverso, desde o teléfono intelixente ata os diversos medios de comunicación. Antes, en cambio, grazas aos diferentes toques do sino, comunicábanse os nacementos, vodas e mortes; pero tamén daban a hora, alertaban dun perigo e anunciaban os diferentes actos litúrxicos da comunidade.
As campás son un “instrumento que consiste nunha peza oca xeralmente de bronce con forma aproximada de cono sen vértice que ao ser golpeado polo badalo que ten no interior ou por un martelo exterior produce un son máis ou menos grave ou agudo dependendo do seu tamaño”. Esta denominación procede do latín tardío campāna, unha voz formada sobre o topónimo Campania, unha rexión italiana, onde se cre que o bispo de Nola mandou fundir e colocar o primeiro destes instrumentos nunha igrexa no século V. Logo, o papa Sabino (ano 604) ordenou colocalos nas torres dos templos católicos para chamar polos fieis, e estas construcións pasaron a denominarse campanarios. Un sinónimo da denominación campá é a voz sino, que procede da voz latina signum ‘sinal’. Desde estas torres sentíanse en toda a contorna as badaladas das campás. O Dicionario defíneas como o “golpe que dá o badalo na campá”; voz derivada por sufixación sobre o vocábulo badalo. O badalo, “peza xeralmente metálica e en forma de pera pendurada no interior da campá ou da choca, que, ao bater nesta, a fai soar”, procede do latín vulgar *batuaculum, cuxo significado é ‘batedor’, e este, á súa vez, remite ao verbo latino battuere ‘golpear’ ou ‘bater’.
Actualmente, a importancia das campás e das badaladas como xeito de nos comunicarmos diminuíu; pero, unha vez ao ano, volven recobrar o protagonismo de antano. Xa vos dades de conta que nos referimos ás badaladas de fin de ano. Entre nós, o cambio de ano celébrase escoitando as doce badaladas dunha torre importante, como pode ser, a Berenguela na praza do Obradoiro, e tomando unha uva por cada unha delas. Esta tradición comezou a finais do século XIX entre unha minoría da capital do Estado, Madrid. Xa no XX popularizouse e mesmo foi adoptada por outros países, como Portugal e algúns da América Latina. Noutros países, as tradicións do tránsito do ano vello ao novo son diversas: brindar con viño espumoso baixo grandes fogos de artificios en Alemaña; en Italia celebran o Capodanno cunha grande cea onde comen lenticchie -lentellas-, preparan grandes espectáculos pirotécnicos e nalgúns lugares mesmo arrebolan coas cousas vellas; bicarse debaixo do visgo é o tradicional en Francia; mentres que, en Gran Bretaña, fan a conta atrás (countdown) e collidos da man cantan o Auld Lang Syde, unha canción tradicional que na actualidade se vincula co aninovo; en Dinamarca disque hai que entrar no novo ano choutando, e por iso soben a unha cadeira e saltan cando soa a primeira badalada na casa do concello de Copenhague.






















