A mocidade que está cabo do conto das tendencias musicais en galego coñece perfectamente Baiuca, un proxecto que tenta achegar a tradición musical galega á vangarda, en concreto, á electrónica. Instrumentos como cunchas, frautas ou gaitas e voces tradicionais aparéllanse con sintetizadores, caixas de ritmo e programacións informáticas. Tras desta formación está un mozo de Catoira, Alejandro Guillán, que se criou no lugar de Baiuca. Segundo el mesmo admite, cando marchou a Madrid comezou a sentir morriña e, en paralelo, ideou un modo de conectarse á súa terra, ao seu lugar. Sen dúbida ningunha, saíulle ben, xa que ten un lote de seareiros e seareiras e resulta difícil atopar entradas para os seus eventos porque decontado se esgotan.
Imos logo saber de onde vén a denominación do noso artista. Baiuca é un topónimo que achamos no concello de Catoira, na parroquia de Santa Baia de Oeste. En todo o territorio hai vinte e seis entidades de poboación que reciben esta denominación; a súa maioría, dezaoito, localízanse na provincia da Coruña, catro na de Pontevedra, tres en Lugo e unha en Ourense. Ademais, é un substantivo común que designa, segundo nos di o Dicionario, o “establecemento onde se serven bebidas, xeralmente de carácter modesto e popular ou ben de estilo rústico”. O músico recoñece que se contaba que na súa aldea había unha baiuca; daquela, é posible que a localización do establecemento lle dese a designación ao lugar. A orixe do termo baiuca inda hoxe non está moi clara. Semella que é un vocábulo que aparece á vez tanto en América como na Península. O estudoso Joan Corominas di que é unha voz propia do argot dos ladróns do século XVII, pero tampouco dá moitos máis datos.
Na hostalaría galega os locais semellantes á baiuca coñécense coas denominacións de tasca, voz de orixe dubidosa, quizais emparentada co céltico *taskós ‘estaca, caravilla’, ou de taberna, que procede do latín taberna (que en latín designaba primeiro unha cabana, e despois pasou a utilizarse tamén para referirse a unha tenda ou local comercial). Aqueles cun chisco de máis oferta gastronómica, que ofrecen tapas ou bocados variados, coñécense como bares (“local aberto ao público, onde se despachan bebidas, tapas de comida etc., que habitualmente se toman de pé diante da barra do mostrador”), cuxa orixe está na palabra inglesa bar, que significa ‘barra’. Tamén batemos coa variante cafetaría, se a especialidade principal é o café, mais se preferimos comer de prato e sentados, daquela iremos ao restaurante, palabra que nos presta o francés restaurant (‘establecemento onde se restablecían as forzas mediante os alimentos’). Por último, podemos optar polos furanchos, eses lugares nos que se toma comida caseira e viño excedente da colleita. O nome remite ás adegas en forma de cova nas que se gardaba o viño, e conta tamén co sinónimo loureiro, xa que para localizar as casas ou adegas particulares que vendían o viño poñíase unha póla de loureiro á vista.
Rematamos este Mira que din cunha dobre recomendación (musical, non de tabernas!): non perdades o novo álbum de Baiuca, Embruxo, nin o episodio da serie da Real Academia Galega Novas voces para a lingua. Está protagonizado polo propio Alejandro Guillán e a tamén artista Laura Lamontagne, e podedes velo nesta ligazón.