bikini

Aquí está o verán! E coa caloriña tamén comezamos a sacar capas… e incluso apetece ir á praia, ao río ou á piscina. Daquela, talvez botaremos man dun bikini. Imos coñecer algo máis desta peza de vestiario.

O bikini é un neoloxismo que significa ‘traxe de baño de dúas pezas’, que atopamos nas linguas da contorna con pequenas variacións formais a causa das diferentes adaptacións gráficas que cada unha decidiu. Así temos para o catalán biquini, o español biquini ou bikini, o portugués biquíni e no italiano, francés e inglés bikini tamén. Podiamos pensar que, como é un “dúas-pezas”, o termo estaría formado co prefixo bi– (‘dous’) e un suposto lexema quini. De feito, hai quen o fixo, porque apareceron con posterioridade as denominacións monokini e trikini. O primeiro é o que ten unha soa peza que deixa ao descuberto os peitos e o segundo é un modelo onde a parte de arriba e a de abaixo se unen mediante un terceiro elemento, unha tira estreita de tea. Mais todo isto é produto do que se coñece como “etimoloxía popular”.

A orixe da palabra éche outra, e ben máis curiosa. Resulta que un enxeñeiro francés, Louis Réard, o 5 de xullo de 1946 presentou o tal traxe de se bañar. Cando Micheline Bernardini, que foi a primeira en probalo (na imaxe superior),  se viu a si mesma no espello parece que lle comentou a Réard que aquel traxe ía ser “máis explosivo ca a bomba de Bikini”. O conto coincidiu cos experimentos nucleares dos americanos nas illas Marshall, baixo dominio estadounidense naquel intre, e, en concreto, no atol Bikini, que quedou inhabitable. Na lingua orixinaria, o topónimo formouse da unión da partícula Pik-, que significa ‘superficie’, con Ni ‘coco’, indicando ‘terra de cocos’ ou ‘sitio onde hai cocos’. E desta coincidencia quedoulle o nome ao traxe.

A denominación é moderna, non hai dúbida ningunha, pero o traxe non o é tanto. As atletas romanas xa facían deporte en bikini, como se amosa na imaxe inferior, nunha reprodución dun mosaico do século IV d. C. da Villa de Casale, en Sicilia.

Muller en bikini nun mosaico de século IV d. C. da Villa de Casale, en Sicilia

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir