Dende hai séculos vivimos coa teima de ter unha mínima cantidade de cartos ou diñeiro para financiar a nosa existencia. Chegar a eles é moi custoso, salvo para os ricos de nacenza; o resto procuramos gañalos co traballo e o esforzo, pero hai un camiño máis curto: que nos toquen montes e moreas mediante os diversos xogos de azar. A raíña deles é a lotaría. Moi poucas persoas poden dicir que nunca mercaron un billete de lotaría na súa vida porque, sen ser un ludómano, calquera xogou, como mínimo, a de Nadal, que ten un suculento premio co que xa estamos a soñar outra ver por estas datas.
A lotaría nacional de billetes é relativamente recente entre nós, data do 25 de decembro de 1811. Durante a guerra de independencia española (1808-1814) cumpría encher as arcas do Estado e ideouse como un xeito de recadación menos lesivo e non tan impopular como o son os trabucos. Así foi como naceu a tamén chamada lotaría moderna, á que debemos a acepción de billete como ‘papel que demostra a participación nunha rifa ou lotaría’. Inda que para sermos exactos o billete é cada unha das fraccións nas que se divide unha serie desde o número 00000 ao 84.999. O billete de lotaría divídese, á súa vez, en dez décimos, os que mercamos o común dos mortais.
O termo billete procede do francés billet (séc. XIV) cun significado semellante ao galego que vén, á súa vez, do termo billette, unha alteración dun orixinario bullette ‘documento’, continuador dun diminutivo do vocábulo latino bulla ‘selo’. A palabra estudada ten dous significados máis, ademais do de participación nun sorteo: boleto e papel moeda. Estas dúas acepcións remiten ao concepto de ‘pequeno documento con valor para acceder a un lugar, ou para permitir o intercambio comercial’. A bulla era unha pequena bóla de chumbo que colgaba dos documentos dos papas e soberanos para certificar a súa oficialidade, documentos sen dúbida moi cobizados, como o son o papel moeda en forma de billetes e os billetes que che permiten voar a un paraíso afastado. E xa non digamos un billete (10 décimos) do Gordo da lotaría de Nadal.