Non se pode negar o simbolismo que se lles outorga ás cores e o efecto que provocan en nós. Asócianse con diferentes emocións ou circunstancias culturais particulares, como proba a nosa vizosa fraseoloxía: dedicámonos a poñer verde a alguén para “criticar ou censurar severamente”, entramos en números vermellos cando temos“ saldo negativo na conta bancaria”; tiramos do humor negro cando empregamos “aquel que se basea en circunstancias crueis ou macabras”, atopamos un punto negro na estrada cando nos referimos ao “lugar onde se producen moitos accidentes”, e tamén é coñecido o diñeiro negro, aquel “que é clandestino ou ilegal”.
Ao negro adoita outorgárselle un valor negativo, quizais porque se asocia á dor e ao loito neste lado do mundo. Mais desde América do norte chegounos unha nova designación que pretende ser positiva: o venres negro, que inda se emprega, en exceso, na lingua de orixe: black Friday. Alá cadra co venres posterior ao día de Acción de Grazas (o Thanksgiving Day) e consiste nunha xornada na cal as tendas fan grandes descontos, coa celebración do Nadal xa na cabeza da maioría. Concordamos con que é dubidoso asignarlle o cualificativo de positivo ao fomento do consumismo salvaxe nos tempos que corren… pero iso é outro conto.
A orixe desta expresión atopámola nos Estados Unidos de mediados do século XX, e non ten que ver directamente coas compras. Os primeiros usos da expresión black Friday rexistráronse de forma illada no ámbito empresarial para denominar o absentismo laboral provocado pola resaca do día de Acción de Grazas, que cadra en xoves. Logo pasou ao argot dos gardas de tráfico de Filadelfia para indicar os grandes atoamentos que se producían na zona comercial da cidade ese mesmo día, na véspera dunha importante competición de fútbol americano. Mais ante o cariz negativo que estaba a tomar a expresión e as repercusións na economía do pequeno comercio local, artellouse unha campaña publicitaria para valorizar a xornada e convertela no big Friday, o gran venres, coa colaboración activa dos medios de comunicación. A nova expresión proposta non triunfaría, pero no seu lugar o black Friday foi rehabilitado e pasou a referirse a ese último venres de novembro cheo de descontos. O costume chegou ao noso país a partir de 2012, cando se autorizou que o comercio puidese facer rebaixas durante todo o ano. Dende entón, o venres negro é tamén por estas terras unha etiqueta cen por cen comercial.