brácket

Cando non nacemos cunha dentadura de sorriso de anuncio publicitario é probable que non teñamos máis remedio que pasar pola ortodoncia.

A ortodoncia como define o Dicionario da Academia é –ademais dunha rama da odontoloxía que se ocupa do estudo, prevención e corrección das irregularidades dentarias e dalgunhas deformacións relacionadas – o tratamento que se aplica para corrixir esas irregularidades. O étimo de ortodoncia dános unha idea clara do seu significado, xa que se forma sobre as palabras gregas orto– (que aparece en múltiples termos co significado de 'recto, dereito, correcto', por exemplo: ortografía, ortodoxo ou ortopedia) e odous, odontos, 'dente'. A ortodoncia trátase xa que logo da 'corrección dos dentes'.

Para amañar a nosa dentadura, hai uns aparellos que en conxunto denominamos corrector dental ou dentario, ou simplemente corrector, como neste exemplo:

“… nena ¿entéraste? cincuenta anos non é nada, o tempo pasa sen darnos conta, anque tamén poida facerse con jazz ou música folk e pronuncio folk coma un locutor de radio con corrector nos dentes.” (Xosé Cid Cabido: Foumán,1987).

Noutros contextos, tamén é común empregar o termo coloquial ferros ou ferriños dos dentes. Todas estas solucións propias farían innecesaria a introdución do estranxeirismo bracket, ao estar esa parcela de significación totalmente cuberta. Mais de termos en conta a relativamente ampla difusión desta palabra entre os falantes, pode considerarse aceptar este préstamo do inglés, que literalmente poderiamos traducir por 'abrazadeira', 'corchete' ou 'paréntese' pero que na actualidade entrou en diferentes linguas para nomear especificamente ‘as peciñas que fixan a barra do corrector aos dentes’ e, xa por metonimia, o aparello todo.

Ese é o uso que se lle está dando en catalán (bráquet), francés (bracket), español (bracket) e portugués (bráquete) e que tamén rexistramos na nosa lingua, nos corpora técnicos e en certos manuais de especialidade, nos que o anglicismo convive coas formas adaptadas brácket ou bráquet. En caso de asumir o préstamo, parece que o máis indicado sería optar por adaptar a súa acentuación gráfica e escribir brácket, como ocorre noutros casos semellantes xa fixados pola norma, por exemplo crícket, hóckey, jóckey ou tícket.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir