
Cartel de Bravú XXX, un documental conmemorativo dos 30 anos do Bravú | Fonte: Nós Televisión www.nostelevision.gal
A arroutada do movemento bravú arrancou na nosa terra nos anos noventa do século XX cunha forza extraordinaria. Ata tal punto que a voz bravú, variante dialectal propia dalgunhas zonas do territorio da voz, bravún (recollida no DRAG), aparece hoxe como entrada propia nas obras de consulta e nas audiovisuais que explican este movemento sociolóxico e creativo.
Máis alá da heteroxeneidade das propostas, os seus integrantes coincidiron na aceptación sen complexos do que somos como cultura e sociedade, das nosas circunstancias (“Vivimos no cu do mundo…”), na maneira desenfadada de reivindicalo (“…pero temos bravura para tronzar o universo”), na súa vontade de ser dun tempo e dun lugar, así como na combinación destes ingredientes con doses de rock and roll.
A fachenda que demostraban por todo o propio xunto coa intención de amosar a realidade social deu como resultado un produto aparentemente sen refinar, para dicilo coas súas palabras, “sen capar”, o que xustifica a elección da etiqueta que eles mesmos tomaron: o rock bravú, e é que bravún, bravío, bravo ou ferún son as denominacións propostas para o cheiro que caracteriza os animais do monte e os machos que non están capados ou a carne procedente dos mesmos.
A orixe máis probable de bravún, bravío ou bravo é a forma barbarus, que nos chegou desde o latín aínda que a cousa viña de Grecia. Alí, βάρβαρος -bárbaros- comezouse a utilizar como un termo despectivo para lles chamar aos de fóra, aos non gregos, aos que non eran quen de falar a súa lingua e tatexaban ao buscar as palabras nunha fala allea βαρ βαρ (bar, bar), e que tampouco participaban da súa civilización. E xa se sabe o doado que resulta identificar o forasteiro co pouco civilizado. Así que a palabra foise cargando de matices negativos, que herdaron e ampliaron os romanos e que hoxe se manteñen, en certa medida, nestas tres voces e, sobre todo, en bárbaro. Con todo, o sentido inicial do ‘chegado desde outro país’ aínda o podemos ver con claridade en derivados como barbarismo, maneira de denominar a ‘palabra ou expresión que collemos dunha lingua allea’ e que aínda non vemos plenamente incorporada na nosa.
Mentres bravún e bravío se refiren basicamente aos animais feros ou sen capar, bravo aplícase para outros usos, como a cualificación da persoa de mal carácter ou o mar moi axitado, pero tamén se identificou co que demostra forza e non teme os perigos, co cal podemos utilizalo como sinónimo de valente. Algo parecido pasou con bárbaro, que acabou tendo significados positivos e pode ser o mesmo ca excelente.
Da reunión hai trinta anos en Chantada de varias bandas roqueiras en lingua galega (Os Diplomáticos de Monte Alto, Os Impresentables, Ruxe-Ruxe ou O Caimán do Río Tea…) xurdiu o concepto do Bravú co que se reivindicaba unha modernización dos sons e a adopción da lingua propia como vehículo de expresión do noso. Pero aquel estoupido creativo embravecido foi, sen dúbida ningunha, o xermolo das bandas galegas actuais (Garotas da Ribeira, Grande Amore, Ses…) que ciscan calidade e galeguidade máis alá das nosas fronteiras, porque estaremos no cu do mundo, mais somos universais, non si?