Son moitos os que para se divertiren van bailar. É un xeito de socializar case tan vello coma o mundo. Xa nas cantigas de amigo atopamos o subxénero das bailadas, coma «Bailemos nós já as tres, ai amigas», de Airas Nunes (s. XIII). Porén, non a todo o mundo se lle dá ben o baile, isto é, a “sucesión regulada de pasos ou saltos especialmente ao ritmo dunha música”. Hai quen non naceu para danzar e semella un poste da luz fincado no medio do campo da festa, mais cómpre non desesperar: quédanos o deporte como actividade de lecer e que, de paso, nos permite exercitar o corpo. E se es das persoas ás que lles prestan as dúas actividades —bailar e practicar deporte—, daquela… o breakdance é o teu! Este “baile unido ao estilo musical do rap e que se caracteriza polos seus movementos rápidos, ximnásticos, imitacións robóticas e posturas conxeladas” é, desde o ano 2024, deporte olímpico, e disputarase ao carón da monopatinaxe, da escalada deportiva e do surf nos Xogos Olímpicos de París. O comité olímpico quere conquistar a mocidade abríndolles a porta dos Xogos aos denominados deportes urbanos, vencellados á xente nova. O público que seguía as olimpíadas baixou moito nas últimas edicións e preténdese recuperalo de novo ofertándolle á xuventude actividades que lle sexan atractivas e accesibles desde as súas plataformas de uso.
O breakdance é un baile-deporte que xorde nos anos setenta do século XX nas rúas de Nova York. Relaciónase co hip-hop, movemento artístico e cultural que aparece na década anterior e que abranguía catro bloques temáticos: o rap (a arte de crear rimas), o turntablism ou Djism (onde se mestura música facendo xirar vinilos), o graffiti (artistas gráficos con aerosois), e o propio breakdance, unha sorte de baile ximnástico. Porén, os creadores da danza denominárona b-boying/b-girling ou breakin, e aínda hoxe os máis puristas continúan chamándoa así.
A palabra que nós coñecemos, breakdance, é un termo comercial ideado polos medios de comunicación nos anos oitenta para denominar os bailes que xurdiron durante as partes instrumentais das creacións de Dj Kool Herc. Estas pausas eran chamadas breaks ou breaking, e nelas os bailaríns exhibían as súas habilidades case ximnásticas. A medida que foron gañando popularidade, a prensa comezou a denominar estas pausas como breakdance para acoutar e concretar o significado de break, denominación primeira, que, por ser ampla de máis, crían que podía levar a confusión.
A partir de aí, o vocábulo comezou a popularizarse e a penetrar na lingua. En inglés, a súa escrita é variada porque a norma é flexible á hora de grafar os substantivos compostos. Nas linguas romances acolleuse a palabra sen ningún tipo de adaptación. No caso do galego, o Dicionario recomenda escribilo como breakdance pola influencia das linguas próximas: tanto o portugués coma o catalán e o francés parten da proposta gráfica do dicionario Oxford. Tamén porque o termo unido adáptase mellor á estrutura do galego, xa que nesta lingua adoitan escribirse como unha única palabra os compostos que realizan a flexión de número no último elemento.