acoso escolar

Nos últimos tempos comezouse a empregar a denominación bullying para aquelas situacións de maltrato psicolóxico, verbal, físico e social a un alumno ou alumna por un ou máis compañeiros ou compañeiras de xeito reiterado no tempo. É unha situación de abuso inxusto entre iguais que nos arrepía en calquera circunstancia pero aínda máis cando se produce no ámbito escolar.

O termo bullying é un estranxeirismo que procede do inglés, onde significa o ‘abuso e maltrato a alguén vulnerable por parte de alguén máis forte, máis poderoso etc.’ Fórmase coa terminación –ing, sufixo que indica que ‘unha acción se está a realizar’ aplicada ao verbo to bully. Crese que a orixe deste podería atoparse no holandés primitivo boele (amante), que pasaría ao inglés arcaico como un vocábulo referido a unha ‘persoa agradable’ pero co tempo xiraría o seu significado cara a un ‘fanfarrón’ e xa no século XVII, segundo o dicionario de Oxford, significaba ‘acosador dos débiles’. Na actualidade, a primeira acepción do substantivo bully nos diferentes elencos lexicográficos da lingua anglosaxoa refírese a ‘unha persoa habitualmente cruel ou dominante, especialmente cos máis pequenos ou máis débiles’ e de aí deriva o verbo.

Con esta mesma noción é como se comezou a usar na nosa lingua aparecendo o termo bullying en diferentes ámbitos: educativo, sociolóxico, sanitario… e no xornalístico como podemos detectar en titulares tan dramáticos coma este: “Comeza o curso escolar nos centros de ensino da Galiza, e con el regresa tamén o bullying, unha forma de maltrato que padecen unha de cada tres alumnas e alumnos na Galiza, segundo o último estudo realizado por Unicef, en 2023.” (Nós Diario, 9 de setembro de 2024). Con todo, malia que o uso do termo bullying está bastante estendido nos medios de comunicación, cómpre ter en conta alternativas propias coma acoso escolar que concorda, na súa formación, con estoutras locucións recoñecidas polo Termigal: acoso moral no traballo, acoso por razón de sexo ou acoso sexual. Daquela faría innecesario o uso do anglicismo, que, se se empregase, o axeitado sería escribilo en cursiva ou entre comas. As persoas que infrinxen o dano ou prexuízo á vítima son denominadas como vitimarios, pero tamén acosadores, maltratadores ou abusadores.

Un neoloxismo recente froito do acceso masivo ás novas tecnoloxías é o termo ciberbullying, derivado de novo sobre bullying, para se referir á intimidación que recibe unha persoa a través de internet; neste caso tamén cómpre afastarnos tamén do estranxeirismo ciberbullying e botar man da palabra ciberacoso, voz que foi incorporada ao noso Dicionario.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir