cabicha

Éche sabido que fumar non che é un pracer inocuo, máis ben todo o contrario. Ademais do dano que se lle fai ao organismo propio, hai que sopesar as consecuencias dun acto individual sobre as persoas que nos rodean. Logo de rematar de fumar un cigarro o que nos queda é a cabicha, o “extremo dun cigarro que queda sen fumar” que, aínda non se sabe por qué, algunhas persoas fumadoras adoitan guindar ao chan sen moita máis reflexión. Esta porción restante está formada por un pouco de tabaco picado que non se queimou e un filtro; este elabórase con acetato de celulosa, un termoplástico non biodegradable que se descompón pola acción da luz solar, converténdose en centos de partículas máis pequenas (microplásticos). E, aínda por riba, os filtros actúan coma unha peneira e neles quedan substancias tóxicas como a nicotina, hidrocarburos, arsénico e metais pesados que contaminan os solos e as augas pola acción da choiva cando non se recollen adecuadamente. Daquela, as cabichas son pequechas de tamaño, pero grandes contaminadoras: unha soa pode infectar dez litros de auga mariña e cincuenta de auga doce, ben polos velenos que soltan, ben polos plásticos nos que se degradan, mais tamén por se converteren en alimento (por confusión, claro) de distintas especies mariñas ou en material para os niños dalgunhas aves, co prexuízo para as crías destas. En terra firme, unha cabicha mal apagada pode ser quen de provocar grandes incendios e contribuír á deforestación do territorio.

O termo cabicha é unha palabra derivada do substantivo cabo, “parte final” ou “extremo” (neste caso dun cigarro), que procede do latín caput, ‘cabeza’, e ao que se lle engade o sufixo derivativo –(i)cha. Este formante ten un valor diminutivo e tamén apreciativo-despectivo, e presenta distintos alomorfos, variando a vogal de enlace en función de se base de formación é un substantivo ou un adxectivo. Atopamos un proceso de formación semellante no castelán colilla, que ten como base de derivación cola, “extremo posterior de algo”; no italiano mozzicone, que parte de mozzico, “mordedura”, e no francés mégot, onde atopamos un termo derivado coloquial e de orixe incerta. Ao carón destas formacións xorden outras perifrásticas, como a inglesa cigarrete butt ou cigarrete end, e a portuguesa toco de cigarro, aínda que no caso luso convive coa formas coloquiais prisca ou beata na variante europea e guimba na brasileira.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir