calacú

A primeira vez que se recolle nun dicionario esta palabra é no século XVIII; faino o lexicógrafo pioneiro, frei Martín Sarmiento, quen inclúe calacú no Catálogo de Voces y Frases Gallegas, de 1745 –“dunha lista de árbores e plantas sen definir”– e unha década despois, outra vez, no Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables (1754-1758), dentro do xénero melopepo. Calacú é unha palabra de uso xeneralizado no suroeste do país, o lugar en que Sarmiento viviu a súa nenez –Pontevedra– e por onde realizou, andado o tempo, as súas expedicións de recollida de léxico.

A motivación de Sarmiento foi evitar a perda da nosa maior riqueza cultural, a lingua propia, obxecto naquela altura de persecución e desprestixio sistemáticos. Algo dese espírito tamén alenta na promoción do celebración do Samaín e as Noites dos calacús, tradición da sociedade rural do tempo en que se despedían as colleitas e era a época de defuntos, onde moitos aseguran que se deixa ver a pegada dos antigos ritos célticos. O Porriño, Portonovo ou Vilaboa son algúns dos lugares onde máis éxito ten hoxe en día esta noite especial, en que os enormes calacús baleirados da semente, e coas candeas brillando no interior, espantan os defuntos e, de paso, tamén algúns vivos.

O Porriño, Portonovo ou Vilaboa son algúns dos lugares onde máis éxito ten, hoxe en día, esta noite especial

Desde a primeira edición do Dicionario da Academia, o calacú –que tanto pode ser a planta (tamén chamada calacueira) coma o froito (botefa)– recóllese como unha variedade da cabaza. Aníbal Otero destaca que o característico do calacú é o seu “gran tamaño”, por iso tamén se entende a comparación popular pola que unha cabeza notoriamente grande, un cabezón, chámase unha “cabeza de calacú”. Outra forma de lle chamar ao calacú era “melón dos cochos”, como recolle Fausto Galdo no Dicionario das mantenzas (2012), xa que o costume era botárllelo en anacos aos animais da casa, en tanto que a cabaza se deixaba para comeren as persoas, en sopas, purés ou noutros xeitos de facer gornicións, fritida ou gratinada, limpa e envolta en fariña trigá ou milla, ou tamén no recheo das longaínzas mais os saborosos chourizos de cebola.

Como se forma a palabra calacú é aínda un misterio para os lingüistas; o que si é sabido é o étimo da cabaza, que probablemente teña unha orixe anterior á latina, nunha suposta forma  *calapacci, que se correspondería co resultado romance conforme os padróns de evolución fonética que son típicos da nosa lingua. Joan Coromines argumentaba que, de ser así, esta voz podería estar relacionada co catalán calàpet ou galàpet, castelán galápago –semellante ao noso sapoconcho–, a partir de *calappacu, supoñendo unha mesma fonte prerromana para os nomes de animais e plantas caracterizados por presentaren unha cobertura dura. Tirando do mesmo fío o filólogo catalán cita aínda outra forma *carappaceu, de onde procede o portugués carapaça e mais o castelán caparazón, que entre nós se relaciona coas palabras carapa, “cuberta exterior máis ou menos grosa dalgúns froitos”, e carapola, a “capa exterior dura, que se forma nas feridas ao secaren”. Alén disto, en latín, existía o substantivo cucurbita, -ae, que tamén se empregaba para chamarlle á cabaza, e que se recupera como nome da especie, as cucurbitáceas, para a terminoloxía científica moderna.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!

Cubre a enquisa aquí