
Un ano ten 365 días. Ben, para ser exactos, en realidade ten 365’2422. O que xa resulta máis difícil de comprender é como se contan eses 0’2422 días. Velaí a lea que decidiu resolver o papa Gregorio XIII cando promoveu a reforma do desaxustado sistema de medición do tempo definido por Xulio César no ano 46 a.C., dando lugar ao chamado calendario gregoriano.
A palabra calendario utilízase referida ao sistema de distribución temporal en anos, meses e días, e tamén, por extensión do significado, para denominar o medio onde se representa esta repartición, algo que empezou a facerse hai varios milleiros de anos (o calendario máis antigo conservado descubriuse en Escocia, nun monumento mesolítico). Este é o motivo de que o substantivo calendario estea no noso léxico desde as orixes do idioma, presente nos textos escritos con diferente ortografía polas variacións na terminación (-ayro, –airo, –ario), a partir da voz latina calendarium, á súa vez derivada de calendae, –arum. Os romanos chamábanlle con este nome ao primeiro día do mes, as calendas, que socialmente era tamén por convención o momento en que as contas eran pagas, cando debían saldarse as débedas do mes anterior. Deste xeito, o calendarium foi primeiro o libro de contabilidade do cobrador e máis tarde o seu significado estendeuse ata o que empregamos nós.
Existiron ao longo da historia múltiples modelos de calendario, atendendo aos ciclos da Lúa, do Sol ou tamén doutros astros. Na actualidade, nós –e a maior parte do mundo– empregamos o xa comentado calendario gregoriano, impulsado por Gregorio XIII en 1582, que veu substituír paulatinamente o xuliano, pois este non resolvía o problema xerado con eses 0,2422 que lles sobran aos 365 días, provocando desaxustes que se incrementaban co paso do tempo –un novo sistema de anos bisestos foi a solución–. Alén deste, hai outros calendarios de uso xeneralizado como o budista, o chinés, o hebreo, o hindú ou o musulmán, por nomear só algúns; existiron calendarios vinculados a antigas civilizacións como o azteca, o inca, o maia ou tamén o celta, e mesmo calendarios experimentais, asociados a réximes políticos, como o republicano francés, o surrealista patafísico ou o revolucionario soviético. A escolla dun calendario é unha medida de transcendencia, con consecuencias ás veces sorprendentes para a vida da poboación. Por exemplo, cando no mes de setembro de 1750 se fai oficial que o Imperio Británico acolle o calendario gregoriano, a cidadanía experimentou que, logo de meterse na cama un día 2, podía amencer, a xornada inmediatamente posterior, cun flamante 14 de setembro no almanaque.
Se queres saber máis cousas sobre o léxico do tempo cronolóxico, lembra que os académicos tamén falaron para o Portal sobre os días da semana ou os nomes dos meses.