cancelo

Nos tempos actuais é cada vez máis común que apareza algunha palabra fresca e crocante, é dicir, que sexa do trinque. Referímonos á necesidade de bautizar accións, situacións ou obxectos que antes non existían, non viviamos ou non utilizabamos. É o caso das ampliacións de significado de cancelo que hoxe comentamos e que, sendo un vocábulo ben antigo que define unha pequena porta formada por paus ou táboas separadas entre si, adopta agora novos significados, o que nos permite designar co mesmo termo símbolos e identificacións necesarios no noso quefacer nas novas tecnoloxías e nas redes sociais.

Calquera persoa que ande en Twitter –ultimamente, tamén noutras redes sociais– ou, despois da ampla difusión da expresión, que simplemente atenda aos medios de comunicación, recoñecerá o termo inglés hashtag, que vén sendo a etiqueta coa que se marca unha palabra ou cadea de palabras precedidas do símbolo # que se pretenden converter –ou que xa son– en tendencia ou tema do momento. Por exemplo, o cancelo #engalegoleo foi un dos asuntos dos que máis se falaba no Twitter na mañá do Día do Libro.

Hashtag, fórmase con hash e tag, este último co valor de 'etiqueta' ou 'marca'. O símbolo Hash ten varios significados dependendo do contexto no que se empregue: nalgunhas culturas é o identificador dun numeral, o noso “nº”; noutros casos úsase como tecla de función en aparellos telefónicos; é tamén un símbolo utilizado en diversas linguaxes de programación (C, Perl, HTML, …) e na identificación de espazos e enderezos en liña, como no IRC (leria ou charla en liña), en determinadas URLs e para etiquetar asuntos en redes sociais. A evolución etimolóxica do hash ao que nos referimos tería dúas teorías: podería ser o participio substantivado do verbo hash, que é ‘cortar algo en anacos máis ou menos pequenos e cadrados’, ou –máis probablemente– unha técnica de sombreado, denominada hatch, usada nos gravados en metal e madeira, por medio de tallar liñas paralelas. Ambas as dúas virían da palabra do francés antigo hacher, que significa ‘machado’.

A adaptación de hashtag á nosa lingua como cancelo está en consonancia coa solución que buscaron as diferentes linguas da nosa contorna para denominar o símbolo #, pois todas buscan un equivalente para o termo inglés tendo en conta a súa forma gráfica, ben que en cada lingua miran e interpretan esa forma dunha xeito distinto: no italiano escollen cancelletto, ao igual que en galego, ’cancela pequena’; no portugués cerquilha, 'pequena cerca', cunha construción semellante ao noso cancelo, ou tralha, pola semellanza coas mallas dunha rede, ou, xa no Brasil, jogo da velha, o noso pai-fillo-nai; no catalán coixinet ou quadradet, ao velo coma un cadradiño; no castelán almohadilla porque semella un coxín ou almofada pequena; e no francés, carré,  cadrado.

Concluíndo, cancelo pasou a ter dúas acepcións máis no mundo das novas tecnoloxías. Unha fai referencia ao "símbolo que se identifica con dúas liñas paralelas verticais ou inclinadas que se cruzan con dúas liñas paralelas horizontais, que aparece en teclados e en aplicacións informáticas con diversas funcións” e outra é a expresión galega para o concepto inglés hashtag, é dicir, “palabra ou cadea de palabras precedida do símbolo # que funciona como ligazón e chave de busca, así como etiqueta para indexación, nalgunhas redes sociais”.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir