
O ano 2025 está dedicado ás cantareiras. Mulleres que foron as artífices de que o patrimonio lírico da tradición oral se conservase e se transmitise dunha xeración á seguinte ata a actualidade. Desde o inicio dos tempos o ser humano compartiu as súas emocións, crenzas e ensinanzas mediante a difusión oral. Este era o xeito dispoñible de propagar distintas mensaxes entre unha poboación case iletrada. Así un verso simple e rítmico era o máis axeitado para facilitar a memorización e a propagación de lendas, pregarias ou costumes, que, baixo estrofas como os romances, as cantigas e os refráns, recollen o acervo cultural dun pobo. A literatura galega que recoñecía a maioría da poboación de Galicia, ata ben entrado o século XX, era, precisamente, a transmitida oralmente; dado que ata o Rexurdimento non se publicaron obras literarias manuscritas na nosa lingua.
O romanticismo europeo do XIX estaba interesado na recollida da literatura oral propia de cada territorio e, no caso galego, Murguía, López de la Vega e Marcial Valladares foron os primeiros en recadar documentación sobre a poesía popular do noso país. Nestas circunstancias, cómpre situar Rosalía de Castro e a obra Cantares Gallegos (1863). Libro que abre o Rexurdimento literario galego e onde Rosalía demostra ter un profundo coñecemento da poesía popular de tradición oral, dos seus temas e das súas formas.
Cantares Gallegos baixo unha aparencia folclórica recolle unha serie de cantares, de feitío análogo á tradición oral, aínda que cun ton reivindicativo e crítico que será unha constante temática na traxectoria da autora de Padrón. Na primeira obra escrita en galego por Rosalía de Castro a influencia da literatura oral é innegable. Unha tradición rica en lendas, mitos e cancións que ela leva aos seus poemas desde os primeiros versos, onde enuncia os seus propósitos que non son outros que cantar [vai compoñer] os teus doces cantares (composicións) en galego, lingua óptima para facer literatura en calquera circunstancia:
Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na veira do mare.
Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.
Mimosa, soave,
sentida, queixosa;
encanta si ríe,
conmove si chora.
Cantares Gallegos, 1863
Este uso de cantar é a substantivación do verbo cantar, que etimoloxicamente nos leva ao latín cantāre que significaba ‘cantar, celebrar con cantos poéticos, predicir’. En galego, como verbo, significa “interpretar unha peza musical” e, como nome, sinala a “composición cantada”. Con este substantivo formouse o termo cantar de xesta para designar unha variedade poética onde o “poema narra sucesos heroicos” que non teñen que estar musicados. Os sinónimos que o Dicionario outorga a cantar son as voces canción, cantiga e cántiga. Canción procede do latín. cantio, -ōnis ‘canto’ ou ‘encantamento’. Menos evidente é a orixe de cantiga e cántiga. Para indicar a súa orixe seguiremos a Corominas que indica que se trata dunha palabra emparentada con “canto” e derivados, pero ten dúbidas sobre se vén do latín canere ‘cantar’ ou dun vocábulo celta *cantica, derivado da raíz CAN- de significado semellante. As formas estróficas dos cantares son, entre outras, a copla “composición poética, polo xeral de catro versos, para ser cantada” que nos leva ao latín copŭla ‘unión, enlace’. Son frecuentes os tercetos “estrofa de tres versos”, denominación que tomamos prestada do italiano terzetto, que está relacionado co latín tertius ‘terceiro’. Outra das estrofas máis habituais é o romance, unha “composición poética formada xeralmente por un número libre de versos de oito sílabas, con rima asonante nos pares e sen rima nos impares”, que se xeraron a partir da fragmentación dos cantares de xesta, xa que as formas máis breves eran as preferidas e ademais eran máis doadas de reter na memoria.
A literatura de tradición oral é unha parte dun todo maior que se denomina folclore “conxunto de tradicións, costumes, manifestacións artísticas etc., dun pobo”. Termo neolóxico tomado do inglés e creado e empregado polo arqueólogo británico William John Thoms nun artigo da súa autoría para denominar, segundo as súas propias palabras, os tesouros da literatura popular, tales como historias, contos, mitos e proverbios. Thoms formou esta palabra unindo as palabras folk ‘pobo’ e lore ‘sabedoría, coñecemento’.