cantareira

Imaxe da ilustradora Nuria Díaz tomada das Primavera das Letras, iniciativa da RAG

Moitos son os que aprenderon a falar na nosa lingua cos arrolos e as cantigas da súa avoa. Se hoxe coñecemos unha chea de palabras coas que explicamos o mundo é grazas a aqueles e aquelas que nolas dixeron porque non estaban en libro ningún da escola. Esa transmisión fíxose, en moitas ocasións, mediante as coplas da tradición oral e desa lírica da que eran posuidoras, sobre todo, as mulleres. Non era raro que os homes tocasen algún instrumento e actuasen nas feiras, nas festas e romarías; en cambio, no ámbito doméstico, cando se xuntaban nas casas para realizar algunha tarefa agrícola (esfollar, fiar ou debullar), nesas reunións as mulleres eran as encargadas de amenizar o desenvolvemento da tarefa e, nesas circunstancias, o cantar convertíase practicamente nunha obriga. Facíano, como mínimo, en parella de mulleres ou mozas, acompañándose do que tiñan a man: pandeiretas, latas, cunchas… Nalgúns lugares había pares que cantaban sempre xuntas, compañeiras que non cantaban a unha sen a outra.

Anque cante toda a noite,

eu e mais a compañeira,

anque cante toda a noite

non arreamos a bandeira

Cancioneiro de Cotobade

Así, Adolfina e Rosa Casás Rama de Cerceda eran requiridas para ir cantar xuntas en Cerceda; Eva Castiñeira cantaba coa súa irmá e outras veciñas en Muxía; e xuntas sempre cantaron e tocaron as pandeireteiras de Bens que, neste caso, foron moito máis dunha parella de cantoras, xa que se converteron nun grupo de camaradas, mulleres que compartiron costumes, ocupacións e lazos de amizade e, sen ser moi conscientes, preservaron e difundiron o patrimonio poético de tradición oral galego.

Axudaime compañeiras,

axudaime camaradas,

axudaime compañeiras

a levar esta foliada

Cancioneiro Popular da Provincia de Ourense

A cantareira é unha denominación que toma como base de formación o verbo cantar, que procede do equivalente latino cantare, e este, á súa vez, remite ao verbo do latín clásico canere, que significaba ‘cantar’. Sobre este verbo latino fórmase, na nosa lingua, o adxectivo culto canoro, canora, que significa ‘que canta melodiosamente’ voz de uso literario. A versión menos melodiosa do adxectivo sería cantaruxeiro ou cantaruxeira.

A voz cantareira, na acepción ‘muller que canta cantigas populares’, garda relación cunha serie de termos que podemos considerar próximos. Un deles é cantadeira, definido no Dicionario como ‘mulleres que cantaba as composicións dos trobadores da Idade Media’, e que, na actualidade, designa ‘calquera muller que canta’. De feito, esta denominación é a única recollida nos Dicionarios históricos para denominar tanto as mulleres que se dedicaban a cantar en xeral, como para as xogradesas da lírica medieval galega, en particular. O DRAG recolle tamén cantador e cantadora,  que define como ‘cantante, persoa que interpreta canto popular’, palabra que se utiliza como sinónimo de cantareira nos textos de especialidade relativos á música tradicional galega.

Outros especialistas na arte do cantar son os regueifeiros e as regueifeiras ‘persoas que cantan regueifas’. As regueifas son un desafío oral improvisado, no que se crea unha cantiga entre dúas ou máis persoas que seguen un mesmo cantar ou son durante o tempo que dura unha disputa sobre un tema determinado. Cada participante canta unha estrofa de catro versos octosílabos, nos que riman os pares e quedan libres os impares. Tamén debemos mencionar os trobeiros e as trobeiras que, ao primeiro, eran os ‘poetas medievais do norte de Francia’; pero logo o Dicionario acláranos que se trata das “persoas que cantan trobas, ás veces de forma improvisada”, e as trobas son as “composicións poéticas destinadas a seren cantadas”.

 

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir