caravel

O caravel é unha flor que nace silvestre nos países da conca mediterránea (desde Turquía ata Cádiz), que florece durante a primavera e o verán, mais desde que os reis de Francia comezan a cultivalo nos seus xardíns convértese nunha planta abondosa en toda Europa e da que se coñecen máis de 250 variedades. No territorio peninsular atópanse 25 variedades e identifícase como a flor representativa de España, concretamente, de Andalucía porque se usa como adorno para o pelo cando se viste o traxe folclórico nas feiras e tamén se emprega como ornamento nos pasos de Semana Santa.

Mais desde hai 50 anos, concretamente desde o 25 de abril de 1974, o caravel é tamén o símbolo do Portugal que derrocou de xeito pacífico a ditadura de Salazar, a máis antiga de Europa naquel momento. Produciuse un levantamento militar, apoiado logo polo pobo, coñecido como A revolución dos cravos. Dise que un dos soldados que se dirixía ao cuartel do Carmo nun tanque lle pediu un cigarro a unha muller (galega por parte da nai) que estaba na rúa a preguntar que estaba a acontecer; era Celeste Martins Caeiro –Celeste dos cravos–. Como non tiña tabaco, deulles a el e aos seus compañeiros cadanseu caravel vermello duns mandos que collera do restaurante onde traballaba e que estaban destinados á celebración do aniversario de apertura do local, celebración que non se chegou a facer polos sucesos da madrugada. El púxoo no canón do fusil e detrás del outros soldados fixeron o mesmo. Aquel pequeno xesto converteu a flor nun dos símbolos cos que identificamos o territorio lusitano e do xeito que este conseguiu a liberdade e a volta á democracia.

O nome científico desta flor é Dianthus caryophyllus, que significaba en grego ‘flor dos deuses’ porque é a unión de dios (‘deus’) e anthos (‘flor’). A designación vulgar, caravel, provén do latín clavellu diminutivo de clavu (‘cravo’) xa que se pensa que se asociou a flor, que é moi fragrante, coa especia. Xa desde a antigüidade é coñecida pola súa función ornamental, e os gregos usábana en coroas, costume que se mantén aínda na actualidade. Polo seu intenso olor é empregada en perfumaría e tamén se lle recoñecen certas propiedades terapéuticas: se se toma en infusión, axuda a temperar estados de ansiedade e, en cataplasmas, ten calidades redutoras e calmantes das erupcións cutáneas.

Pero o nome de caravel non designa en todo o territorio de fala galega unicamente o Dianthys cariophylus, xa que nunha parte importante de Galicia esta voz emprégase para nomear a flor da roseira, e unha caraveleira é polo tanto a planta que dá rosas. A grandes trazos podemos dicir que na Galicia da costa atlántica os caraveis son as rosas ou calquera flor, mentres que as falas da costa cantábrica e das provincias de Lugo e Ourense limitan o termo ao Dianthus caryiophyllus. Nas linguas próximas atopamos as seguintes denominacións para esta flor: carnation, en inglés, nome que orixinalmente fai referencia á cor da carne; oeillet, en francés, diminutivo do nome oeil ‘ollo’; garofano, en italiano; e o xa mencionado cravo, na lusofonía.

O caravel é utilizado como símbolo de tenrura e de agarimos, como ben se ve na cantiga: Cando arrola ao seu meniño: ¡Meu caravel! ¡Miña rosa! ¡Meu bico de paxariño! É representa tamén un ideal de beleza, por iso cando queremos salientar a fermosura de alguén dicimos que é bonito coma un caravel.

A presenza do caravel é moi frecuente na literatura galega, e non podía faltar na pluma dos nosos máis recoñecidos escritores do Rexurdimento:

“Do seu cariño sinal,
“Dempois que si me dixeches,
Si ela un caravel na boca
en proba de teu amor
Leva por cuaselidá,
décheme un caraveliño
El outro caraveliño
que gardín no corazón.”
Ha de, por forza, levar.”
(Rosalía de Castro: Cantares Gallegos, 1863)
(Manuel Curros Enriquez: Aires da miña terra, 1880)
Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir